Rescatada unha muller en Malpica de Bergantiños e desaparece o seu acompañante

Rescatada unha muller en Malpica de Bergantiños e desaparece o seu acompañante

Seguen a buscar a persoa desaparecida

Unha muller foi rescatada e un home está desparecido despois de sufrir un accidente no mar o veleiro no que navegaban preto das Illas Sisargas, en Malpica de Bergantiños.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia tivo coñecemento do suceso pouco antes das once da noite a través de Salvamento Marítimo, que solicitaba medios para rastrexar a costa na procura de indicios sobre unha embarcación que estaba á deriva nas inmediacións das Illas Sisargas. Deste xeito, desde o 112 Galicia, avisouse á Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil da localidade, que iniciaron a busca desde terra.

Mentres, por mar, actuaban medios de Salvamento Marítimo, isto é, o Helimer e dúas embarcacións, unha delas da Cruz Vermella, para a localización do veleiro, que, efectivamente, estaba á deriva e levaba a bordo unha muller ferida. Segundo indicou, con ela viaxaba outra persoa que caeu á auga e que tratou de rescatar pero sen éxito.

Deste xeito, a embarcación de Salvamento Marítimo encargouse de remolcar o veleiro e trasladar ao Porto de Camariñas á muller ferida, mentres que o Helimer continuou sobrevoando a zona para tratar de localizar á outra persoa que caeu á auga.


Comentarios