Galicia asumirá a representación das comunidades españolas no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea

Galicia asumirá a representación das comunidades españolas no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea

O traspaso farase efectivo de forma oficial o próximo 28 de xuño, en Bilbao

Galicia asumirá durante o segundo semestre deste ano a representación das comunidades españolas no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea. A través da Consellería de Medio Ambiente, a Xunta tomará o relevo do Goberno vasco, que desde xaneiro asumiu o papel de representante e coordinador autonómico nas sesións do Consello e nos grupos de traballo de medio ambiente da UE.

O traspaso farase efectivo de forma oficial o próximo 28 de xuño, en Bilbao, nun acto durante o que a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, recibirá a testemuña da man da viceconselleira de Medio Ambiente vasca.

Durante a reunión, que estivo presidida pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a conselleira de Medio Ambiente agradeceu a confianza do resto de comunidades ao depositar en Galicia a súa representación ante as institucións europeas nos vindeiros meses. Así, lembrou a importancia de que as institucións aposten de forma decidida polo medio ambiente e que Europa traballe en rede e cunha fronte común pola súa protección.

Está previsto que o Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente se reúna o 9 de outubro, en Luxemburgo, e o 20 de decembro, en Bruxelas, dúas citas nas que será Austria, país que asume a presidencia rotatoria da UE o vindeiro semestre, o país encargado de definir os principais temas a tratar.

O papel da Xunta será trasladar nestas reunións, en nome do conxunto das comunidades, unha postura forte, común e sólida sobre algúns dos grandes asuntos previstos para este período; entre eles, unha mobilidade e transporte máis sustentables, a estratexia de plásticos dun só uso e a posición da Unión Europea na próxima Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP 24), que se celebrará en Katowice (Polonia) a finais de ano.

Comentarios