As comunidades de montes limparán más de 8.500 hectáreas

As comunidades de montes limparán más de 8.500 hectáreas
As comunidades de montes limparán más de 8.500 hectáreas

A orde inclúe dúas liñas de acción, por unha parte a construción de puntos de auga e por outra as rozas e cortalumes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, achegouse onte ao concello de Rois para supervisar as actuacións preventivas levadas a cabo en tres comunidades de montes deste municipio coruñés. Todas elas foron beneficiarias da liña de axudas que ten este departamento autonómico para rozas e construción de puntos de auga en montes veciñais e sociedades de fomento forestal, cuxo orzamento para 2018 foi de 4,5 millóns de euros e que permitirán limpar máis de 8.500 hectáreas e construír 39 novos depósitos de auga en toda Galicia.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, destacou que a través destas axudas se crean zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por eles. Neste senso, explicou que as actuacións levadas a cabo nestes montes de Rois permitiron crear unha gran faixa de protección ao redor dos núcleos de poboación.

Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de manter os montes limpos e coidados, apostando pola súa posta en valor e preservando tanto a parte medio ambiental como a económica.

Estes traballos en montes veciñais en man común e Sofor súmanse aos realizados pola propia consellería e administracións locais con convenios de colaboración en materia de prevención. En total, entre os anos 2017-2018 lévanse investido 31 millóns de euros cos que se subvencionaron rozas e clareos, novos puntos de auga e apertura de pistas e cortalumes para facilitar os labores de extinción.

Comentarios
Lo más