Entrega de premios da XI Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Entrega de premios da XI Edición do Proxecto Didáctico  Antonio Fraguas
Entrega de premios da XI Edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas é un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas entrega hoxe os premios do XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. O acto estará presidido polo presidente da Fundación, Justo Beramendi, polo secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García e pola concelleira responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas é un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares.

Nesta edición os traballos premiados foron os seguintes:

- Na modalidade de ensino primario, o proxecto Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade, do CEIP Ana María Diéguez de Asados (Rianxo), polo esforzo en divulgar os elementos do patrimonio etnográfico e histórico da súa contorna, a través dun traballo de investigación escolar que culminará cun mural colectivo que sirva de referencia á comunidade local.

- Na modalidade de ensino secundario, o proxecto Iconografía sacra e profana no concello de Silleda, do CPR María Inmaculada de Silleda, por favorecer as estratexias de investigación e divulgación que permitan o coñecemento de manifestacións artísticas no concello.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria como proxecto de innovación educativa.

Comentarios