O CHUS consegue o máximo recoñecemento na asistencia en oncoloxía

O CHUS consegue o máximo recoñecemento na asistencia en oncoloxía

O servizo de Oncoloxía Médica da área sanitaria compostelá é o cuarto hospital español en ver recoñecida a súa calidade asistencial pola Sociedade Americana de Oncoloxía Clínica (ASCO)

O servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) ven de recibir o certificado que acredita o máximo recoñecemento internacional en canto a calidade asistencial en cancro por parte da Sociedade Americana de Oncoloxía Clínica (ASCO polas súas siglas en inglés), trátase da Certificación do Programa QOPI ( QCP™).

Trátase dun programa de avaliación da calidade asistencial no que o CHUS participou nos últimos meses, medindo e coñecendo as súas prácticas asistenciais, organización, estrutura, recursos materiais e humanos, procesos, planificación do tratamento, capacitación e educación do persoal, administración segura de quimioterapia e seguimento e avaliación do benestar do paciente, entre outros.

O obxectivo cumprido foi acadar os estándares de calidade e seguridade de ASCO e da Oncology Nursing Society e acreditar así a excelencia do hospital na asistencia a pacientes con cancro. "A mellora continua da calidade do coidado do cancro é un esforzo mundial", subliñou o dr. López. "Ao lograr a certificación, demostramos o compromiso de todos os profesionais do servizo de Oncoloxía coa calidade e a seguridade na atención que prestamos aos pacientes, así como ao proceso continuo de mellora" apuntou.

Este proceso foi posible en España grazas á Fundación ECO, unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina aos xefes de servizo de Oncoloxía dos principais hospitais españois e que traballa por lograr a excelencia en oncoloxía en ámbitos como a docencia, a asistencia e a investigación. Desde a Fundación ECO recomendan a outros servizos de Oncoloxía Médica optar a esta certificación, recoñecida a nivel internacional, como unha oportunidade para mellorar a calidade da asistencia médica dos pacientes oncolóxicos.

ASISTENCIA A DOENTES ONCOLÓXICOS

A asistencia aos pacientes oncolóxicos na área compostelá está organizada segundo un modelo que trata de conseguir que o paciente reciba a atención o máis cerca do seu lugar de residencia e permaneza no seu domicilio todo o tempo posible. Para iso, facilítase a coordinación entre niveis asistenciais e na atención intrahospitalaria para poder ofrecer un servizo integral e personalizado, consensuar a actuación oncolóxica e favorecer a continuidade de coidados nos distintos momentos evolutivos da enfermidade.

O equipo multidisciplinar está conformado por sanitarios de diferentes especialidades oncolóxicas, médicas e cirúrxicas que dispoñen de ampla experiencia neste ámbito e que se orientan a crear unha contorna que favoreza un perfil de coidados moi definido. A súa actuación lévase a cabo en diferentes estruturas organizativas asistenciales, unha das máis relevantes é o Hospital de Día Onco-Hematolóxico, creado no ano 2003, e que conta cunha organización específica para ofrecer coidados especializados e administración de tratamentos sen necesidade de que o paciente estea ingresado.

Froito da preocupación pola mellora continua na seguridade dos pacientes, os profesionais do Hospital de día acadaron, xa no 2013, a implantación do Sistema de Xestión de Riscos, baseado nos requisitos da Norma UNE- 179003 e certificado por AENOR.

A excelencia clínica e investigadora do servizo de Oncoloxía Médica da xerencia compostelá é amplamente recoñecido no eido nacional e internacional. Da colaboración intensa entre os clínicos e os investigadores benefícianse os seus múltiples doentes de toda Galicia. A súa participación en máis de 300 ensaios clínicos permitiu que os doentes oncoloxía que teñen acudido ao hospital público compostelán foran os primeiros en beneficiarse dos medicamentos máis innovadores.

APOSTA POLA CALIDADE NA XERENCIA COMPOSTELÁ

Este certificado súmase á extensa relación de certificacións e acreditacións en sistemas de xestión obtidas por outras unidades e servizos da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, e que supoñen o recoñecemento formal a nivel nacional e internacional do cumprimento dos requisitos establecidos nas normas de xestión de referencia, cuxos obxectivos primordiais son mellorar de modo continuo a eficacia dos procesos desenvolvidos, optimizar os resultados alcanzados e incrementar a satisfacción dos usuarios, centrando a atención nas súas necesidades e expectativas. A finalidade destes modelos de xestión resulta plenamente concordante coas liñas estratéxicas do SERGAS e desta Xerencia, busca prestar servizos sanitarios baseados na máxima efectividade, calidade, seguridade e equidade, humanizados e orientados a satisfacer as necesidades de saúde e as expectativas da cidadanía, garantindo o cumprimento dos dereitos e deberes sanitarios recoñecidos na lexislación e normativa vixente. Tamén ten como obxectivo manter a sustentabilidade do sistema sanitario mediante a optimización e o uso rigoroso dos recursos públicos.

Comentarios