Zona da Zanfona, Encontro Internacional

Zona da Zanfona, Encontro Internacional
Zona da Zanfona, Encontro Internacional

O artista internacional este ano é o sueco Johannes Geworkian Hellman que ofrecerá un concerto solista e un curso para especialistas

Zona da Zanfona, o único festival temático sobre instrumento na Península Ibérica celebra máis unha vez o seu encontro anual en Arousa. Organizado por aCentral Folque chega a súa XIV edición co apoio do Concello de Rianxo. Mantense as datas de verán (6-8 de xullo) e desenvolve un programa para todos os públicos, aquelas persoas curiosas no instrumento que queren achegarse a el ou que o descoñecen, músicos especialistas e audiencias de lecer que buscan o solaz na escoita deste fabuloso instrumento. Desde aCentral Folque levan máis de quince anos divulgando os seus sons e este encontro é a data sinalada no calendario anual. O artista internacional este ano é o sueco Johannes Geworkian Hellman que ofrecerá un concerto solista e un curso para especialistas.

A novidade deste ano é a organización de cursos non especificamente sobre a zanfona. Haberá un curso de improvisación oral con Alba María e Benito Lobariñas e outro de bailes do mundo con Mercedes Prieto e Sergio Cobos. Ademais do curso avanzado con Johannes Geworkian e o de iniciación con Óscar Fernández.

Os concertos celebraranse na praza Rafael Dieste con entrada libre e partir das 22:30 h. O venres 6 a ocasión será para dous solistas de excepción: Miro Casabella e o seu concerto “O cantor da dignidade” e Johannes Geworkian e show “Cinematic Music“. O sábado 7 será o Baile Assalto con Mala Herba e Óscar Fernández como artista convidado.

O domingo 8 de xullo quere ser máis un ano, o escaparate da vitalidade da zanfona en Galicia cun convite a todas a s escolas do país para un palco aberto, un xantar e unha foliada onde a zanfona será a protagonista da xornada baixo unha carpa na praza Setefogas (Paseo Marítimo).

Inician ademais a publicación para descarga libre do Cancioneiro #ZdZ que pretenderá medrar nos vindeiros anos con aportacións dos docentes de escolas de zanfona de Galicia para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis.

Comentarios