Este sábado, 7 de xullo, remata o curso do programa de envellecemento activo “Amessan” cunha gran festa no Pazo da Peregrina

Este sábado, 7 de xullo, remata o curso do programa de envellecemento activo “Amessan” cunha gran festa no Pazo da Peregrina
Este sábado, 7 de xullo, remata o curso do programa de envellecemento activo “Amessan” cunha gran festa no Pazo da Peregrina

Durante este curso, como novidade, impartiuse a actividade de música tradicional na parroquia de Lens e realizouse un programa de cinco charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos

Arredor de 500 persoas participaron durante este curso no programa de envellecemento activo “Amessan”. As actividades deste programa impartíronse nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro. Este curso, como novidade, impartiuse a actividade de música tradicional na parroquia de Lens. Ademais, impartiuse un ciclo de cinco charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. Cada unha destas conferencias abordou un tema diferente: alimentación saudable; prevención de demencias; sexualidade na idade adulta; prevención de estafas; e roubos e recursos para persoas que viven soas.

Exposición de manualidades e moita música

As clases remataron a finais de xuño, e agora, para clausurar o curso realizarase unha festa este sábado, 7 de xuño, a partir das 18.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao longo da tarde haberá música, con actuacións como a das propias pandereteiras do programa e da discoteca móbil Eme Music. Ademais, tamén se poderá ver unha exposición sobre os traballos realizados durante o ano polo grupo de manualidades dos grupos de Cruxeiras, Trasmonte e Agrón.

Deste xeito, os grupos de pandereteiras de Lens, Ameixenda, Bugallido e Trasmonte farán unha actuación conxunta. Interpretarán o tema: Ribeirana de Lourido. De seguido, cada grupo actuará de forma individual. Primeiro será o grupo de Lens, que interpretará o Pasodobre de Barro de Arén, Cerdedo; Canto, maneo e xota de Carballo; Muiñeira e pasodobre de Bembibre; e maila Xota de Liñares. A continuación, tocaralle ao grupo da Ameixenda, que tocarán a Muiñeira da Oliveira, Xota e muiñeira punteada de Cabanude, Canto e maneo de Anxeriz e Foliada do Mariñeiro.

Tras estas actuación será a quenda do grupo de Bugallido, que interpretará o Canto do Camiño de Bembibre, Maneo de Silván, Muiñeira do Canizo e Non hai ron maruxiña. Pechará as actuacións o grupo de Trasmonte coa Foliada de Anllóns; Xota e pasodobre de Berdeogas; Canto, muiñeira e pasodobre de Bembibre; e Pandeiretada.

Excursión do alumnado de Amessan

Por outra banda, como soe ser habitual antes de rematar o curso o alumnado do programa Amessan participou nunha excursión o pasado 16 de xuño. Nesta ocasión visitaron a cidade de Lugo coincidindo coa celebración en dita cidade do arde Lucus. Asemade, ese mesmo día visitaron o Cebreiro. En dita excursión participaron 145 persoas.

A concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, quere “agradecer a todos e todas a súa participación no programa Amessan ao longo de todo ano, así como a todo o profesorado a súa implicación. Ademais, quero animar á veciñanza a que se acheguen ao Pazo da peregrina para ver os traballos feitos nos obradoiros de manualidades, escoitar ás pandereiteiras e pasar unha boa tarde todos xuntos”.

Comentarios