O Concello de Ribeira rehabilitará o antigo lavadoiro do río Artes

O Concello de Ribeira rehabilitará o antigo lavadoiro do río Artes

Confirmada unha subvención da Consellería de Medio Ambiente

O Concello de Ribeira poderá rehabilitar tras ver confirmada unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o antigo lavadoiro do río Artes, un dos puntos singulares do municipio que, con 28 metros de lonxitude, está situado na parroquia do mesmo nome xusto no arranque da senda fluvial executada dentro do proxecto Riveira Atlántica.

Así, hoxe mesmo o Concello recibiu confirmación dunha achega cuxo importe será de 39.725 euros repartidos en dúas anualidades.

A intervención que se vai emprender e que suma un total de 48.068 euros foi deseñada polo arquitecto compostelá Carlos Seoane, responsable tamén recentemente da multipremiada remodelación de Pedra da Ra.

Actualmente, o lavadoiro conta cunha cuberta de fibrocemento sobre piares de formigón executada nos anos 70 que vista en perspectiva resulta inapropiada ademais de atoparse moi deteriorada.

Así e logo, a proposta elaborada por Seoane recolle a retirada de dita cuberta e a súa estrutura de formigón para a recuperar a condición natural do lugar e do río. Neste senso, limparase o entorno do río e abastecerase de novo auga ao lavadoiro (agora seco) e a continuación se recuperará o enlousado orixinal de pedra completándoo con adoquín vello reciclado, así como a bancada orixinal de pedra con pedras de granito silvestre do Barbanza onde as labregas sentábanse e reuníanse.

Estas actuacións supoñen unha actuación directa sobre o espazo de 250 metros cadrados e unha sobre o entorno que alcanza os 1.400. O prazo de execución son tres meses.

A subvención concedida realízase con cargo á orde de 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2018 e 2019 das axudas e investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia. Está cofinanciada con fondos europeos FEADER.

Comentarios