Aberto ata o 19 de xullo o prazo para solicitar as axudas do "bonotaxi"

Aberto ata o 19 de xullo o prazo para solicitar as axudas do "bonotaxi"
Aberto ata o 19 de xullo o prazo para solicitar as axudas do "bonotaxi"

A edila sinalou que "estas axudas súmanse ao amplo catálogo de prestacións sociais coas que conta o Concello de Santiago"

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta hoxe dos detalles da convocatoria de axudas do "bonotaxi", que o Goberno local pon en marcha por segundo ano consecutivo.

A edila sinalou que "estas axudas súmanse ao amplo catálogo de prestacións sociais coas que conta o Concello de Santiago" e que están encamiñadas a reducir as desigualdades sociais. Entre as liñas estratéxicas e os obxectivos que se propoñen figura o de "facilitar desprazamentos en taxi para as persoas maiores con problemas de desprazamentos e impulsar bonificacións ou prestacións económicas que contribúan a sufragar este servizo, co fin de facilitar a comunicación e a igualdade de oportunidades.

Novidades

A convocatoria deste ano introduce numerosas novidades con respecto á realizada en 2017, co primeiro obxectivo de ampliar o número de posibles persoas destinatarias. Así, este ano poderán optar ás axudas as persoas que teñan recoñecido legalmente problemas de mobilidade, as persoas con discapacidades superiores ao 33% e as persoas maiores de 65 anos que residan no rural. Tamén mudaron algúns requisitos de acceso. Así, desaparece a obriga de ter un tempo mínimo de empadroamento en Santiago e increméntase o límite de recursos para ter accesos ás axudas, que queda fixado en 19.362,24 euros anuais.

En canto ás contías a percibir, o máximo increméntase a 350 euros, 50 euros máis que na pasada convocatoria. Tamén se amplía o período de xustificación das axudas ata o 30 de novembro.

Presentación

As solicitudes estarán dispoñibles no Departamento de Políticas Sociais, nos puntos de atención de Servizos Sociais Municipais, na Oficina de Atención ao Cidadán e na web municipal. Deberán presentarse segundo os modelos normalizados que aparecen na convocatoria e entregarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 2-4) en horario de 9:00 a 13:00 horas.

O prazo para solicitar as axudas do "bonotaxi" estará aberto ata o vindeiro 19 de xullo.

Comentarios
Lo más