A Asociación de Municipios do Camiño prepárase para o Ano Santo de 2021

A Asociación de Municipios do Camiño prepárase para o Ano Santo de 2021
A Asociación de Municipios do Camiño prepárase para o Ano Santo de 2021

Na xuntanza con Martiño Noriega participaron o secretario técnico da asociación, Ernesto Gómez, e o xerente da Secretaría Técnica, Víctor López

O alcalde recibiu onte a membros da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, para deseñar as estratexias de colaboración de cara o Ano Santo de 2021. Na xuntanza con Martiño Noriega participaron o secretario técnico da asociación, Ernesto Gómez, e o xerente da Secretaría Técnica, Víctor López. Desta entidade forman parte máis de 80 municipios do Camiño Francés.

O alcalde lembrou que a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago "é a única entidade vinculada á ruta xacobea que ten un perfil municipalista, e resulta moi interesante que os diferentes concellos poñan en común as súas necesidades e as súas demandas de cara ao Ano Santo de 2021". Martiño Noriega expresou a vontade do Goberno de "participar activamente nesta asociación, e máis cando Santiago é membro permanente da súa Xunta Directiva".

Mesa de municipios

O xerente da secretaría técnica da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Víctor López, explicou que a entidade está preparando unha mesa de traballo que "estará formada por concellos e comunidades autónomas, e que terá como obxectivo definir as propostas de cada administración de cara ao Ano Santo de 2021". Segundo apuntou, "a Asociación quere traballar conxuntamente para mellorar a acollida aos peregrinos, non só no seu porto de chegada que é Santiago, senón ao longo dos 1.000 quilómetros do Camiño Francés".

Asociación de Municipios

A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago constituíuse en 2015 con 20 concellos membros. O ano pasado, Santiago acolleu a súa terceira asemblea xeral, xa con 81 municipios asociados do total de 125 localidades polas que discorre o Camiño Francés. O obxectivo da Asociación é chegar aos 90 socios na III Asemblea Xeral, que se celebrar o 9 de novembro na localidade navarra de Estella-Lizarra. 

Comentarios