Arranca en Ribeira o curso sobre psicoloxía forense da universidade Menéndez Pelayo cun total de 82 alumnos participantes

Arranca en Ribeira o curso sobre psicoloxía forense da universidade Menéndez Pelayo cun total de 82 alumnos participantes

O alcalde destacou o feito de que todos os anos dende que iniciara o seu primeiro mandato en 2011, Ribeira teña a sorte de acoller un destes cursos de verán pola inquietude do ribeirense Buela-Casa

Un total de 82 alumnos iniciaron onte no Auditorio de Ribeira un novo curso de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, nesta ocasión dedicado a “Psicoloxía Forense: como identificar, a mentira, a veracidade, a credibilidade e a simulación”.

Para o arranque do mesmo compareceron na instalación municipal o alcalde Manuel Ruiz; o director da UIMP en Galicia, Jaime Rodríguez-Arana Muñoz (que é catedrático na facultade de Dereito da Universidade da Coruña); Gualberto Buela-Casal, director do curso (e catedrático de Psicoloxía na Universidade de Granada); e, actuando como secretario do mesmo, o criminólogo e inspector xefe do Corpo Nacional de Policía José Díaz Fernández.

O alcalde destacou o feito de que todos os anos dende que iniciara o seu primeiro mandato en 2011, Ribeira teña a sorte de acoller un destes cursos de verán pola inquietude do ribeirense Buela-Casal, quen a súa vez incidiu no feito de que cada vez é maior o alumnado participante (este ano hai récord de inscritos) nunha acción organizada pola UIMP que é, xunto á UNED, a única universidade española de ámbito estatal. Pola súa parte, Rodríguez-Arana salientou durante a súa intervención o bo criterio con que foron seleccionados os relatores así como a “palpitante y rabiosa actualidad” da temática abordada.

Ao longo de hoxe interveñen Bartolomé Llor, director da Unidade de Psicoloxía e Psiquiatría Forense do Servizo de Ciencias e Técnicas Forenses da Universidade de Murcia, para falar da técnica Real Monitoring (RM) para avaliar a credibilidade e a veracidade e as súas aplicacións nun caso de simulación de abuso sexual infantil. Tamén Pablo Santamaría, director do Departamento de Investigación e Desenvolvemento de TEA, para falar sobre como detectar a simulación de trastornos mentais. Pola súa parte, o propio Bueña-Casal disertou sobre o concepto de veracidade, credibilidade, simulación e falsas memorias e sobre técnicas para detectar a veracidade, credibilidade e simulación.

Mañá finalizará este curso cunha nova intervención de Pablo Santamaría (“técnicas para detectar a simulación de trastornos mentais”) e dúas de Ramón Arce, catedrático de Psicoloxía Xurídica da USC, unha sobre a técnica CBCA e a entrevista cognitiva para avaliar a credibilidade e outra sobre o sistema de avaliación global (SAG) de credibilidade do testemuño, antes de dar paso ao acto de clausura.

Pero a celebración dos cursos de verán en Ribeira non concluirá aquí pois nestes mércores, xoves e venres haberá un segundo curso dedicado á violencia de xénero, este organizado pola Universidade de Santiago de Compostela.

Comentarios