Hoxe pola tarde quedará aberta ao baño a praia fluvial de Tapia

Hoxe pola tarde quedará aberta ao baño a praia fluvial de Tapia

En ambos casos o resultado indica que a calidade da auga está entre bo e excelente, polo tanto é apta para o baño

Esta mañá coñeceuse o resultado das analíticas feitas pola Consellería de Sanidade e pola empresa Espina & Delfín. En ambos casos o resultado indica que a calidade da auga está entre bo e excelente, polo tanto é apta para o baño. Os parámetros microbiolóxicos analizados foron os enterococos fecais e os escherichia coli. Ambas analíticas dan un resultado moi similar. As mostras indican a existencia de enterococos fecais, pero en cantidade pouco significativa. Cómpre lembrar que os técnicos da Consellería de Sanidade recolleron mostras da auga o pasado domingo, mentres que o persoal de Espina & Delfín recolleu mostras o sábado e mailo luns.

Esta mañá o concelleiro de Servizos Básicos, estivo na praia fluvial de Tapia e constatou que a turbidez da auga xa é menor, así como que non había máis peixes mortos. Blas García apunta que “as diferencias das analíticas feitas son mínimas e débense a que as mostras foron collidas unha o sábado e outra o luns, polo tanto o tempo de diferenza fai que varíen un pouco os parámetros, pero é unha variación mínima”.

Asemade, o concelleiro de Servizos Básicos di “independentemente de que esta tarde se abra a zona de baño da praia fluvial de Tapia, dende o Concello vamos pedirlles explicacións a Augas de Galicia e á Consellaría de Medio Ambiente, para esclarecer o ocorrido no río Tambre dende hai 15 día e que provocou a aparición de peixes mortos e maila turbidez da auga”.

Por último, Blas García queixase “da inoperancia da Consellaría de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, xa que o único que fixeron foi remitir o asunto a Augas de Galicia e pasarse a pelota duns a outros sen aclarar nada nin dar ningunha solución. A conselleira de Medio Ambiente parece que está máis preocupada por prepara a súa candidatura á alcaldía da cidade da Coruña, que en atender os problemas e necesidades da veciñanza de Ames”.

Pola contra, quere agradecerlle ao xefe do servizo provincial da Consellería de Sanidade a atención prestada e a dilixencia en dar resposta ás demandas de información do Concello de Ames.

Comentarios
Lo más