“Na experiencia de Chévere, o teatro en versión orixinal suma, o público agradéceo”

“Na experiencia de Chévere, o teatro en versión orixinal suma, o público agradéceo”

Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, integrantes da compañía teatral nada en Compostela hai xa máis de tres décadas, compartiron co alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” a experiencia de actuar sobre os escenarios fóra de Galicia 

O público de teatro está afeito a acudir a espectáculos en versión orixinal en inglés, francés ou italiano, pero cando unha obra foi creada nunha lingua cooficial do Estado e se representa nunha comunidade distinta á de orixe segue sendo habitual que se opte pola tradución ao castelán. O costume contrasta coa boa acollida xeral que recibe a versión orixinal, salientan Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, integrantes desde os seus inicios de Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014. A actriz e o actor participaron hoxe nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” -organizados pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC- cun relatorio no que abordaron o compromiso fundacional co idioma da compañía e a súa experiencia levando en versión orixinal a outros puntos de España e países obras como Annus Horribilis, Eroski Paraíso ou Divinas Palabras Revolution, adaptación libre do título de Valle-Inclán coa que estiveron o pasado mes de maio no Teatro Español de Madrid. “A nosa experiencia é que a versión orixinal suma, non resta, o público agradece poder escoitar o espectáculo na súa lingua orixinal. E se hai público que diga si a un espectáculo en francés pero non a un en galego, daquela ese non é o noso público”, sentencia Patricia de Lorenzo.

O humor é unha das marcas da identidade, e do éxito, de Chévere desde a súa creación en Santiago de Compostela en 1987. Outra é o idioma. “Para nós facer teatro en galego foi algo incuestionable. Era o natural no momento en que naceu Chévere, unha condición que ía ligada á propia determinación de facer teatro. As persoas que comezaron daquela a facer teatro en Galicia e as que hoxe seguen a facelo adoptaron ese compromiso cultural”, analiza Patricia de Lorenzo. “O normal no país no que estamos é que o medio de expresión enriba dun escenario sexa o galego”, coincide Manuel Cortés.

Pero a normalidade que acadou a lingua galega na escena teatral segue tropezando con atrancos, algúns deles mesmo dentro de Galicia. “Inda hoxe hai teatros en determinadas cidades que lle aplican estigmas e empregan a etiqueta teatro galego, baixo o prexuízo de que todo aquilo que vén de Madrid é de maior calidade”, lamenta De Lorenzo.

Outros obstáculos evidéncianse cando se leva a outros puntos do territorio estatal. “Os prexuízos lingüísticos á hora de acudir a un espectáculo nunha lingua peninsular aínda existen, é algo que se percibe e que depende un pouco dos espazos. Aínda hai teatros onde obrigan a traducir as obras ao castelán, pero cada vez acéptase máis que se manteñan na lingua cooficial orixinal”, indica Manuel Cortés. “O espectador do teatro é dun nivel cultural medio-alto e vaise liberando deses prexuízos. Non hai ningunha diferenza entre ver un espectáculo sobretitulado en inglés, francés ou alemán, que é algo moi habitual, e velo en galego ou catalán. É máis, moitos espectadores chegan á conclusión de que o galego non é nada difícil e ao cabo dun tempo vanse desconectando dos sobretítulos e seguindo os personaxes sen ningún problema. Deberiamos reflexionar sobre isto, porque os idiomas peninsulares, salvo o éuscaro por razóns obvias, non son difíciles de entender para un castelanfalante”, reflexiona. Patricia de Lorenzo coincide. “A versión orixinal suma, o público agradece poder escoitar o espectáculo na súa lingua orixinal. Deste xeito non se perden matices e, ademais, moita xente agradece a posibilidade de poder escoitar unha lingua do Estado como a galega, porque dalgunha maneira tamén a senten como propia”.

Durante moitos anos Chévere mantivo en Compostela a súa propia sala, A Nasa, membro da rede de teatros alternativos de nivel estatal. A través dela foi onde levou as súas primeiras representacións en versión orixinal fóra de Galicia, a Cataluña e sen sequera sobretítulos, lembra a actriz. Pero a primeira gran xira de Chévere en versión orixinal, por España e Portugal, foi a que fixo coa ópera Annus horribilis a mediados dos anos 90. Un dos sitios onde mellor acollida recibiu foi Sevilla, confesa Manuel Cortés. “Probablemente canto máis na periferia menos prexuízos atopas”, considera. “O galego é ademais un motor de comunicación potente con toda a lusofonía. Estivemos en Brasil e Mozambique e non tivemos ningún problema para que se nos entendera enriba do escenario, non houbo nin que empregar sobretítulos”, exemplifica.

Eroski Paraíso é outra das obras que Chévere levou fóra de Galicia en versión orixinal sobretitulada. Representouna en 2017 en Madrid, á billeteira, nas Naves del Matadero. E foi un “grande acerto”, igual que a experiencia máis recente de Divinas Palabras Revolution no Teatro Español, malia enfrontarse a un público como parte do abonado, quizais máis conservador. “Hai de todo, pero a reacción normal e frecuente do público é boa. A versión orixinal sempre é a condición ideal para representar calquera espectáculo”, resume Patricia de Lorenzo. Pero garantila depende de “moitas circunstancias” que van alén dos prexuízos. A económica é unha delas, porque a sobretitulación é “un custo engadido” que require persoal e equipamento técnico a maiores. “A gran clave creo que está na programación dos espazos, que se teña que prever igual que a accesibilidade para todos os públicos”, conclúe.

Trinta e un anos proxectando o galego no mundo

Coma Chévere, os Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" levan trinta e un anos en marcha. Nesta edición suman 75 estudantes procedentes de vinte e catro países de Europa, América, Asia e África, e cinco comunidades autónomas do Estado español. Como é tradición, as aulas desenvólvense en Santiago de Compostela combinando as sesións teóricas e prácticas cun programa de palestras protagonizado por mulleres e homes que destacan na cultura galega desde os seus respectivos eidos de acción, obradoiros de música e baile ou roteiros.

Comentarios
Lo más