Dúas persoas feridas por un incendio en Pontevedra

Dúas persoas feridas por un incendio en Pontevedra

Sobre as 08:30 horas desta mañá, varios particulares informaban ao 112 Galicia de ver saír fume e lapas da fiestra dun piso

Dúas persoas foron trasladadas polos servizos sanitarios de urxencia a causa dun incendio rexistrado nun piso de Pontevedra. Ademais, os veciños do edificio, situado no Paseo de Colón, foron desaloxados das súas vivendas mentres non foi extinguido na súa totalidade.

Polo momento, descoñécense as causas da orixe do lume que calcinou unha habitación na súa totalidade. Así o relataban os Bombeiros ao 112 Galicia unha vez rematadas as tarefas de extinción, momento no cal os veciños puideron volver ás súas vivendas.

Sobre as 08:30 horas desta mañá, varios particulares informaban ao 112 Galicia de ver saír fume e lapas da fiestra dun piso. Indicaban que se trataba dun edificio habitado pero non podían asegurar si había persoas afectadas.

Decontado, os xestores do 112 Galicia puxeron en alerta ao persoal do 061-Urxencias Sanitarias que axiña desprazaron unha ambulancia ao lugar. Así mesmo, informaron da situación aos Bombeiros da cidade, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Os servizos sanitarios confirmaron o traslado dos dous afectados ata o Hospital Montecelo de Pontevedra.

Comentarios