O Concello remata o 2017 con superávit e coa débeda en mínimos históricos

O Concello remata o 2017 con superávit e coa débeda en mínimos históricos

O orzamento definitivo do Concello ascendeu a 126.464.517 euros, 24 máis do inicial, que se situaba en 102 millóns

A concelleira de Facenda, María Rozas, deu conta hoxe dos principais indicadores da liquidación do exercicio orzamentario do ano 2017, que coloca a Santiago cunha débeda bancaria de 29 millóns de euros, o mínimo histórico, e con boa saúde económica tras un ano con boa execución de ingresos e gastos.

O orzamento definitivo do Concello ascendeu a 126.464.517 euros, 24 máis do inicial, que se situaba en 102 millóns. Desa cantidade recoñecéronse dereitos por importe de 97.986.746 euros. A diferenza entre o orzamento inicial e o definitivo "débese principalmente a transferencias doutras administracións que non estaban contempladas no orzamento por non estar confirmadas, tales como os fondos procedentes da Deputación da Coruña ou do Smartiago, así como os remanentes doutros anos", segundo indicou María Rozas.

A execución dos ingresos correntes, formados por impostos directos e indirectos, taxas e transferencias correntes situouse no 100,08%, o que "amosa a suficiencia e autonomía fiscal do Concello de Santiago". As variacións máis significativas neste capítulo teñen que ver co incremento dos impostos cedidos polo estado (IRPF ou IVA), o descenso nun 2,78% no IVTM ou o incremento do 45% no ICIO. Existe tamén unha diminución nas multas de tráfico no 2017, que pasan de 2,7 a 2,3 millóns neste exercicio.

María Rozas indicou que "tal e como indica o informe da Intervención municipal, existiu unha boa e realista previsión do orzamento, orzamentando ingresos reais para non correr riscos financeiros".

Máis gastos e menos débeda

Os gastos correntes ascenderon ao 91,38%, situándose nos 78.561.631 euros, onde se inclúen servizos básicos, mantemento, transferencias correntes ou gastos de persoal.

En relación ao ano pasado existe un incremento en reparacións de viais, chegando a executarse o 91% do total. "Tamén cómpre sinalar o esforzo que fixemos en áreas como igualdade, cunha execución do 130%, ou en actividades deportivas e centros cívicos, co dobre do previsto inicialmente", indicou a concelleira.

En canto aos investimentos reais, coñecido comunmente como obra pública, no ano 2017 investíronse 6.500.000 millóns de euros dun total que superou os 28 millóns de euros, "xa que aos 10 millóns orzamentados neste ano houbo que sumarlle proxectos arrastrados de exercicios anteriores". Tal e como explicou a edila de Facenda, "moitos deles son inexecutables, como aqueles vinculados a desenvolvemento urbanístico, que temos que incorporar ao orzamento a sabendas de que quedará sen executar".

Así, neste capítulo a porcentaxe de execución sitúase no 23,2%, un dato que, segundo María Rozas, "segue a ser baixo, pero que vai mellorando cada ano". Aínda que o importe total gastado no 2017 foi de 6.500.000 euros, a liquidación indica que existen contratos por valor de 10.400.000 euros (o importe orzamentado inicialmente) e que están en marcha licitacións por importe de 13 millóns. "Por iso este 2018 será o ano da obra pública, xa que deixamos moitos proxectos encamiñados dende o pasado exercicio", engadiu.

Neste 2017 non só se gastou máis en capítulos como o gasto corrente ou os investimentos reais, senón que tamén se fixo un importante esforzo por continuar saneando as contas e reducir a débeda pública, situándose nunhas cifras "históricas". A 31 de decembro de 2017, a débeda bancaria colocouse nos 29 millóns de euros, practicamente 20 millóns menos que en 2015, cando acadaba a cifra de 46 millóns.

A redución debese ao saneamento das contas municipais e ao pago de débeda nos últimos anos, sumado ao cambio de sistemas á hora de procurar financiamento. Nos últimos exercicios, o Concello de Santiago deixou de procurar recursos bancarios para financiarse, apostando por modelos máis sustentables economicamente e con tipos de xuros próximos ao custo cero. Así, os préstamos cos que conta o consistorio compostelán parten da Deputación da Coruña (Plan Único) ou do Ministerio de Economía (IDAE, Smartiago).

Comentarios
Lo más