Observación astronómica na praza de Chavián de Bertamiráns

Observación astronómica na praza de Chavián de Bertamiráns

Terá lugar a partir das 22:45 horas

Hoxe xoves, 12 de xullo, a partir das 22:45 horas, persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC, acudirá a Bertamiráns para realizar unha observación pública na praza de Chavián. A actividade, gratuíta e de libre participación, está enmarcada no programa TODOCOSMOS de divulgación do que participa o Concello de Ames.

As persoas que participen nesta actividade poderán observar estrelas dobres, así como os planetas Xúpiter e Saturno. Farano acompañados por membros do Observatorio da USC, impulsor do programa “A Astronomía ao alcance de todos”. Trátase dunha colaboración entre a universidade e diversos concellos, entre os que se atopa Ames, coa realización de distintas actividades.

O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade medíante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursiños, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.

Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiación da FECYT para o ano 2018, e no que participan así mesmo os concellos de Allariz, Ames, Barbadás, Boqueixón, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo, Vedra, Vila de Cruces e Vilar de Santos, así como a empresa Óptica Val.

Comentarios
Lo más