“É unha mágoa que o Goberno de Martiño Noriega non se esforzase máis por realizar os proxectos orzamentados en 2017”

“É unha mágoa que o Goberno de Martiño Noriega non se esforzase máis por realizar os proxectos orzamentados en 2017”

"O ritmo de investimento de Compostela Aberta non supera o 25%, é dicir, de cada 100 euros consignados para proxectos non consegue executar nin 25 euros"


O concelleiro do BNG de Santiago, Rubén Cela, que xa advertira de “escurantismo económico” e das repercusións negativas de non presentar no prazo legal o resultado da liquidación do Orzamento de 2017, sinalou ao coñecer os datos presentados hoxe que “revelan o escaso grao de execución dos proxectos, na mesma liña que en anos anteriores”.

Criticou que a concelleira de Facenda presentase tan tarde as contas do 2017 mais, sobre todo, foi especialmente crítico co feito de que só presentase algúns datos soltos, especialmente escollidos e só aos medios de comunicación. A día de hoxe o grupo de goberno non lle entregou a liquidación aos grupos da oposición polo que resulta imposíbel entrar aínda no detalle, o que para o Rubén Cela é unha mostra de opacidade: “o goberno explicou con moito detalle e partida a partida o orzamento, mais está claro que non quere facer o mesmo coas contais reais.”, afirmou. “Estamos convencidas de que cando poidamos analizar partida a partida, levarémonos moi desagradábeis sorpresas polo baixo nivel de execución, non só en obras que é dun ínfimo 23% senón tamén en programas moi sensíbeis como, por exemplo, os de servizos sociais”, engadiu.

Para Rubén Cela “é unha mágoa que o Goberno de Martiño non se esforzase máis en realizar os proxectos consignados aos Orzamentos”, porque iso redundaría na mellora da calidade de vida das veciñas e veciños, “sobre todo cando quedan sen usar fondos para acometer obras de mantemento tan necesarias en Santiago ou de atención a necesidades básicas dunha parte importante da nosa veciñanza.”

"Ademais, o feito de acumular máis de tres meses de demora en presentar as contas implica que o Goberno local disporá dun trimestre menos en 2018 para reinvestir os recursos que quedaron sen gastar en 2017 como investimentos financeiramente sostíbeis", o que revela “unha mala planificación da xestión organizativa e económica”.

"O ritmo de investimento neste mandato de Compostela Aberta non supera o 25%, é dicir, de cada 100 euros consignados para proxectos só consegue executar 25 euros, pese a que hai grandes carencias no ámbito urbano e no rural, co que a demora na presentación da liquidación de 2017 aínda agrava a situación actual".

Segundo explicou Rubén Cela "con este sistema de Compostela Aberta ademais quedan sen executar moitos proxectos cando están aprobados en Pleno e incluídos nos orzamentos, pese a ter fondos para facelos e iren destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza de Santiago de Compostela. Porén, intentan maquillar o resultado global da liquidación co gasto corrente e coas partidas de publicidade e protocolo, onde se investiu a totalidade ou máis do previsto".

Comentarios