O CD “Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya” preséntase este sábado

O CD “Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya” preséntase este sábado

O concerto é gratuíto, previa retirada de invitación na billeteira do Teatro Principal

No marco dos actos conmemorativos do 25º aniversario do Museo Casa de la Troya, a agrupación musical da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, “Troyanos de Compostela”, gravou o seu primeiro CD baixo o título de Viva Galicia! A música no tempo de La Casa de la Troya a finais do pasado ano. Agora preséntase nun concerto que terá lugar este sábado, 14 de xullo, no Teatro Principal de Santiago, ás 20:00 horas. O concerto é gratuíto, previa retirada de invitación na billeteira do Teatro Principal. O CD realizouse coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, indica que “con este CD queremos recuperar e divulgar a música de autores galegos de finais do século XIX e comezos do XX, que é precisamente o tempo da novela autobiográfica La Casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, onde a música é a protagonista da historia”. Explica que o título do disco é unha homenaxe a José Gómez Veiga “Curros”, director musical da Tuna Compostelana naquel tempo e un músico de grande influencia na vida musical de Santiago. “É, ademais, unha homenaxe a Compostela e ás súas rúas polas que tanto cantamos e trouleamos” -salienta-.

O grupo de pulso e púa da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos-Casa de la Troya nace en 2013 como un proxecto directamente vencellado ao museo. O seu obxecto é investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de corda pulsada que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX; lembrando ao mesmo tempo a figura de compositores galegos da época como Chané, Curros, Canuto Berea ou Marcial del Adalid. A agrupación está dirixida dende os seus inicios polo mestre Fernando Reyes Ferrón, profesor de instrumentos de corda pulsada.

O grupo fixo a súa presentación oficial no Festival do Centenario, que tivo lugar no Auditorio Abanca de Santiago en 2015, dentro do programa de actividades dos II Encontros Troianos en Compostela, que reuniu na cidade a tunas veteranas de diferentes partes do mundo. Dende entón ten realizado diversas actuacións, tanto en Santiago e no seu contorno como noutros puntos de Galicia e Portugal. Na actualidade a agrupación está integrada por 32 compoñentes, persoas afeccionadas á música que son profesionais en distintos ámbitos, pero aos que os une a súa pertenza ás tunas de Compostela durante a súa etapa académica. E cada luns reúnense para facer música en La Casa de la Troya.

Comentarios
Lo más