Vite estrea unha renovada área de xogos infantís no parque Pablo Iglesias

Vite estrea unha renovada área de xogos infantís no parque Pablo Iglesias

Xan Duro lembrou que o parque infantil "estaba moi deteriorado e era preciso renovar os seus elementos de xogo"

A área de xogos infantís do parque Pablo Iglesias, en Vite, presenta nova imaxe. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitou hoxe a zona, que vén de ser renovada cun investimento de case 80.000 euros.

Xan Duro lembrou que o parque infantil "estaba moi deteriorado e era preciso renovar os seus elementos de xogo". A área de xogos, dunha superficie de 450 metros cadrados, está pensada para ser utilizada por ata un cento de nenos e nenas de xeito simultáneo, "nunha zona da cidade na que hai moita poboación infantil". O edil indicou que se fixo unha renovación integral de todos os elementos, "colocándose céspede artificial en forma de trevo e co obxectivo de que sexa accesible e integrado co parque Pablo Iglesias". Os novos elementos están situados preto das pistas deportivas e da área biosaduable co fin de que poida ser usado pola veciñanza de distintas idades.

O elemento principal do parque é un xogo combinado accesible para nenos e nenas con mobilidade reducida, no que hai paneis lúdicos e xogos de equilibrio situados ao nivel do chan, dous tobogáns, tubos de bombeiros e trepas inclinadas. Ademais, instaláronse tres randeeiras, unha delas tamén inclusiva, e dous carruseis xiratorios, un deles accesible para cadeira de rodas. O chan do parque é de céspede artificial, e a intervención incluíu a instalación de novo mobiliario urbano.

Outros parques

Xan Duro anunciou que as vindeiras actuacións están previstas no parque de Alexandre Bóveda, no parque infantil do CSC da Pontepedriña, no parque da praza de León e no parque de Lamas de Abade. Dende 2015 renováronse de forma integral, ademais do de Pablo Iglesias, os parques de Ofelia Nieto Outeiro de Sar (con cargo aos orzamentos participativos Compostela Decide) e construíuse o novo parque de Galeras. 

Comentarios