O Partido Popular reclama que se inicien as obras de reparación do muro de contención de Fontiñas

O Partido Popular reclama que se inicien as obras de reparación do muro de contención de Fontiñas

O grupo que dirixe Agustín Hernández reclama que se realice o proxecto de renovación da rúa Atenas e reformular o acceso e o aparcamento na contorna do Pavillón Polideportivo das Fontiñas.

O Grupo Municipal do Partido Popular presentará no vindeiro Pleno unha moción na que se reitera a petición de solucións das distintas problemáticas que sofre o barrio de Fontiñas. Os Populares reclaman ao Goberno de Martiño Noriega que inicie, de forma inmediata, as obras de reparación do muro de contención apuntalado desde finais de 2017, entre as rúas París e Luxemburgo e acometa este mesmo ano os traballos de rehabilitación e reforzo das demais zonas que se consideren prioritarias, conforme aos resultados do estudo de diagnose que xa debería estar rematado.

O grupo Popular tamén reclama que se execute, canto antes, as demais obras acordadas por unanimidade nesta zona, incluíndo a revisión para a retirada dos cadros eléctricos da iluminación pública en desuso, dos alcorques das árbores e das beirarrúas. Ademais, de proceder á retirada, polo seu deterioro e falta de uso, a estrutura metálica do antigo servizo de préstamo de bicicletas existente ante a fachada principal de Área Central para destinar o seu lugar a unha área libre de estacionamento público de bicicletas.

Así mesmo, o grupo que dirixe Agustín Hernández reclama que se realice o proxecto de renovación da rúa Atenas e reformular o acceso e o aparcamento na contorna do Pavillón Polideportivo das Fontiñas.

Todas estas iniciativas foron presentadas en rolda de prensa pola concelleira do Partido Popular no Concello de Santiago, María Antón, quen asegurou que as numerosas incidencias están a prexudicar notablemente tanto á seguridade, como á calidade de vida da veciñanza dun dos barrios máis emblemáticos de Santiago.

Antón destacou que “non estamos a pedir novas infraestruturas, nin investimentos desmedidos, só solicitamos medidas que son a todas luces necesarias e imprescindibles”. Para a concelleira Popular, preocupa “e moito o desleixo do Goberno municipal sobre os muros apuntalados en dous edificios da rúa París, que levan nesta situación máis dun ano, co conseguinte risco para o edificio, pero o máis grave para as persoas”. 

María Antón lembrou que xa en anteriores Plenos, o Grupo Popular solicitaba unha diagnose real da situación dos muros de contención sobre os que se asentan as edificación das Fontiñas, segundo dito análise realizar unha planificación para a reparación das patoloxías que se consideren máis urxentes e levar a cabo un plan de inspección, conservación e mantemento permanentes destes elementos de contención, que se estenderán aos pavimentos das beirarrúas da contorna deste barrio.

“Nada disto foi realizado, por iso vémonos na obriga de volver a incidir na necesidade de actuar nesta cuestión coa máxima urxencia por motivos de seguridade”, explicou.

Elementos urbanos

Outra actuacións solicitada polo PP para o vindeiro Pleno é o arranxo de toda unha serie de elementos vinculados á acometida eléctrica que están ocupando espazo público sen uso ou servizo aparente. A súa situación, tal cómo se pode comprobar no documento audiovisual que nos acompaña, parece indicar que a funcionalidade destes elementos é nula na actualidade polo que a súa retirada contribuiría á mellora espacial e visual do barrio.

No mesmo eido do mobiliario urbano, hai que destacar os elementos que noutro momento foron bancos e que agora son lousas de pedra, mal coidadas e, tampouco, están coidados os alcorques que, como se pode ver, presentan unha situación de deterioro, como o que sofre a fachada deste edificio pola acción da choiva e da proximidade da arboreda, que tingue o paramento de verde.

Así mesmo, a concelleira indicou que o Goberno de Compostela Aberta non debe esquecer que as zonas verdes merecen un pouco máis de atención, ao igual que a beirarrúa na vía Atenas, xa que para transitar por ela hai que ir mirando todo o tempo para o solo, xa que o seu enlousado está totalmente deteriorado, particularmente pola acción das raíces das árbores que levantan o pavimento.

A moción do grupo Popular propón a retirada dun elemento que servía de soporte á fracasada iniciativa de uso do sistema de bicicleta posto en marcha polo Partido Socialista e que ocupa un espazo público que podería ser aproveitado para outros usos, para facer un aparcamento para bicicletas como os que se instalaron en diferentes puntos da cidade vella..

Antecedentes

Antón Vilasánchez lembrou que nos tres anos de Goberno de Compostela Aberta, a oposición xa presentaron distintas iniciativas sobre as diferentes problemáticas que afectan ao barrio de Fontiñas e na súa intervención, os Populares xa anunciaban que eran moitas máis as incidencias que se están a rexistrar neste destacado barrio santiagués, polo que no vindeiro Pleno se presentará outra moción achegando novas actuacións para a mellora do barrio.

Así, a demais da última debatida no pasado pleno e aprobada por unanimidade, no ano 2017 xa se presentou un rogo do Partido Popular sobre a necesidade de incrementar a seguridade cidadá no barrio e unha proposición sobre as necesarias reparacións en muros e beirarrúas.

En 2016 era un dos grupos da oposición o que preguntaba sobre o acondicionamento dunha parcela na rúa Vieiro para aparcamento e, este mesmo ano, outra das forzas políticas que conforman a corporación santiaguesa visualizaba problemas de asolagamentos. 

María Antón explicou que estas peticións para o barrio de Fontiñas foron aprobadas ven por unanimidade ou por maioría, pero nada disto parece ser suficiente para que Compostela Aberta faga algo que mellore a seguridade e a calidade de vida dos veciños deste emblemático barrio compostelán.

Comentarios
Lo más