Último mercado Eco&Art na Praza Roxa

Último mercado Eco&Art na Praza Roxa

O Mercado chega este sábado á súa sexta e derradeira edición da tempada, ofrecendo produto ecolóxico certificado e artesanía de autor

O Ensanche de Compostela acolle este sábado, día 14 de xullo, a derradeira edición da tempada do Mercado Compostela Eco&Art, que, tras dúas edicións celebradas na Ascensión en 2016 e 2017, cambiou este ano o seu formato para converterse nun evento con periodicidade quincenal durante a primavera e inicio do verán. O Mercado ofrece aos composteláns e visitantes produto ecolóxico con certificación, un selo que garante non só a orixe senón tamén os modelos de produción e envasado dos produtos. Xunto aos produtos ecolóxicos, o Mercado aposta tamén pola artesanía de autor, nun claro apoio aos artesáns de Santiago e comarca e á súa actividade.

A oferta deste sábado inclúe unha ampla gama de produtos de alimentación, tanto frescos como procesados, pero tamén cosmética, plantón para horta, tratamentos vexetais ou sementes. Permanecerá aberto na Praza Roxa en horario de 11.00 a 20.00 horas. De 11:00 a 14:00h., o Mercado ofrece a todos os públicos un taller de cociña no que se proporcionarán claves para aprender a elaborar todo tipo de ensaladas variadas e saudables, a cargo de Liseth Medina Araújo, graduada en Nutrición e Dietética.

O Mercado Compostela Eco&Art é unha iniciativa conxunta da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e Santiago Centro, promovido co dobre obxectivo de fomentar o consumo de produtos ecolóxicos con certificación e dinamizar o Ensanche compostelán. Os mercados contaron co apoio do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, CRAEGA, vendo na capital de Galicia unha oportunidade de dar respaldo aos produtores e empresas do sector ecolóxico con certificación, de divulgar o selo CRAEGA entre os consumidores como garantía da produción ecolóxica en Galicia, e de facilitar aos composteláns e visitantes o seu achegamento á produción ecolóxica como alternativa de consumo respectuosa coa saúde e a contorna. Os mercados contaron ademais co apoio do Concello de Santiago, nunha aposta polos sectores da ecoloxía e da artesanía e polo Ensanche.

Para Santiago Centro, a experiencia dos seis mercados levados a cabo nesta primavera é altamente positiva, por canto supón a continuación dunha liña de traballo iniciada hai xa tres anos e que cada vez “consigue mellores resultados”, segundo o presidente da entidade, José Ma Fernández. “O noso obxectivo é dinamizar o Ensanche de Santiago proporcionando actividades e boas razóns para permanecer ou acudir a esta zona, unha verdadeira potencia comercial e un dos principais motores económicos da cidade”. O presidente de APEGA, Xosé M. Durán, salienta pola súa parte a oportunidade que os mercados supoñen para os produtores e empresas ecolóxicas con certificación, “que deste xeito poden contactar directamente e crear vínculos co público, que confiamos en que pouco a pouco se convertan en relacións duradeiras”. Incidir no consumo responsable e saudable é outro dos obxectivos de ambas entidades.

Comentarios