A presidenta do CSIC asiste na USC á reunión das comisións reitoras de CiQUS e o CiMUS

A presidenta do CSIC asiste na USC á reunión das comisións reitoras de CiQUS e o CiMUS

O venres visitou estes dous centros do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida

A presidenta do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rosa Menéndez López, visitou este venres a USC para asistir na Reitoría á reunión das comisións reitoras dos Centros Singulares de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), ambos os dous do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida da USC.

Na xuntanza, que preside o reitor Antonio López, participan tamén o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri; o xerente da USC, Xavier Ferreira; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director científico e a directora adxunta do CiQUS, José Luis Mascareñas e Dolores Pérez; o director do CiMUS, Carlos Diéguez; e o director de Xestión e Valoración de I+D+i, Rogelio Conde-Pumpido.

A xornada da presidenta do CSIC comezou a primeira hora da mañá no Campus Vida cunha visita ao CiQUS, que percorreu co vicerreitor Muñuzuri, o coordinador institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara, e José Luis Mascareñas e Dolores Pérez. Alí mantiveron unha xuntanza con persoal investigador e coñeceron as excelencias dun centro que ten como obxectivos científicos a aplicación de estratexias transdisciplinares para resolver cuestións relevantes no ámbito da saúde, a ciencia de materiais e o desenvolvemento de novas tecnoloxías transformadoras e sostibles.

O centro conta cunhas instalacións punteiras no seu campo nas que traballan unha vintena de grupos de investigación en proxectos que dan resposta a tres áreas temáticas fundamentais, apoiadas transversalmente polas de química estrutural e de química computacional, e que son a química biolóxica e médica, os materiais funcionais de interese tecnolóxico e as tecnoloxías sintéticas para un desenvolvemento sostible.

Deseguido, a comitiva trasladouse ao CiMUS, onde a recibiu o seu director e no que Rosa Menéndez tamén tivo ocasión de falar con algúns dos máis de trinta investigadores principais que alí traballan cos seus equipos. As principais liñas de estudo do centro xiran en torno a cancro, endocrinoloxía e nutrición, cardiovascular e neurociencia, así como xenética e xenómica funcional, terapias experimentais e bioestatística.

Entre as instalación coas que conta, todas do máis alto nivel, figuran unidades de cultivos de células, de imaxe e microscopía confocal, de proteómica, de microdisección por láser, de xenotipado, de visualización de tumores en vivo e de proxección farmacolóxica.

Comentarios