Hostelería de Santiago convoca unha reunión pola modificación da normativa das terrazas en Compostela

Hostelería de Santiago convoca unha reunión pola modificación da normativa das terrazas en Compostela

Celebrarase este luns, 16 de xullo, ás 17:30 h. na sede da Asociación

O Concello de Santiago informou esta semana que o Pleno da Corporación debaterá o próximo 19 de xullo a modificación da Ordenanza reguladora das terrazas e quioscos de hostalería, xa aprobada na Xunta de Goberno do pasado venres. Entre outros cambios, o novo texto pretende regular a figura das terrazas sitas en chan privado, limitar o prazo das autorizacións das terrazas con pechamentos estables e reducir as posibilidades de que estas instalacións ocupen espazo público máis aló da fachada do local ao que pertencen.

Ante a relevancia destas modificacións, a Asociación Hostelería Compostela decidiu convocar a todo o sector a unha reunión que se celebrará o vindeiro luns, día 16 de xullo, ás 17:30 horas na súa sede da Rúa Salvadas, 29. A este debate están invitados todos os hostaleiros de Santiago e comarca que estean afectados por dita normativa e queiran compartir as súas opinións, ideas e inquedanzas.

Este encontro enmárcase dentro do obxectivo xeral da Xunta Directiva da Asociación de fomentar o diálogo e a unión do sector en Compostela, escoitando as súas demandas e servindo de ponte coas distintas administracións para a defensa dos seus dereitos.

Comentarios