Remata a reestruturación parcelaria de Ordes

Remata a reestruturación parcelaria de Ordes
Remata a reestruturación parcelaria de Ordes

Esta reorganización do territorio iniciouse con 4.740 parcelas de 626 propietarios

A Consellería do Medio Rural vén de pechar outra reestruturación parcelaria, desta vez, no concello coruñés de Ordes, na zona de Vilarmaior-Barbeiros. En concreto, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, asinou xa a firmeza do acordo desta reorganización territorial. Isto implica que os novos predios, dos que xa viñan facendo uso os titulares, son definitivos de cara á entrega de títulos, que será o seguinte e último paso.

Esta reorganización do territorio iniciouse con 4.740 parcelas de 626 propietarios. Agora o número de predios reduciuse a 1.232, co que a superficie media de cada un pasou de 0,27 hectáreas a 1,04 ha. Isto significa que case cuadriplicaron a súa dimensión, o que as fai máis operativas e competitivas para poñelas a producir. En total, este proceso afectou a unha superficie de 1.277 hectáreas das que agora estarán dedicadas a labradío 119, 322 a prado e 796 a monte (o resto a outros usos).

Neste proceso investíronse máis de 2,4 millóns de euros, a maior parte nas obras de construción da nova rede de camiños principais e secundarios e o acondicionamento de parcelas. No concello de Ordes hai ademais outras seis concentracións xa en fase de acordo. Polo que a superficie concentrada ou en proceso no municipio chega ao 78,22%.

Comentarios
Lo más