Un ano máis, o profesorado perde poder adquisitivo

Un ano máis, o profesorado perde poder adquisitivo

O acordo dos sindicatos estatais co anterior goberno do PP coloca de novo ao profesorado en cifras negativas ao respecto do IPC


Logo de publicarse a Lei de Orzamentos do Estado para o 2018, na que se fixa un incremento salarial para o persoal do sector público do 1,5%, de xaneiro a xuño de 2018 e cando xa se coñece o dato do IPC interanual acumulado ata o 30 de xuño, que se sitúa no 2,3%, constátase o que a CIG xa prevía cando rexeitou na Mesa Xeral de Negociación do Estado o Acordo asinado polos sindicatos estatais; daquela xa dixemos que era un pésimo precedente desvincular os nosos salarios do IPC, e o tempo non tardou máis que tres meses en darnos a razón: á perda de poder adquisitivo acumulada dende o ano 2010 vén sumarse agora unha nova desviación derivada deste Acordo, que xa supón unha perda do 0.8% en 6 meses, co que a perda de poder adquisitivo no período 2010 – 2018 chega xa ao 14%.

No que queda de ano, un 0,25% máis.

Na segunda metade do ano haberá un pequeno “aguinaldo” do 0,25% o que suporá que até setembro a suba chegue ao 1,75% (o que implica que a suba anula fique no 1,62%) cando todas as previsións do IPC a finais de ano superan o 2%. Por tanto, todo indica que a perda de poder adquisitivo se consolidará en decembro se antes non se rompe o Acordo estatal.

A CIG demanda do novo goberno estatal a superación do Acordo e unha cláusula de garantía salarial.

A CIG vai demandar da nova ministra de Facenda un plan de recuperación do poder adquisitivo perdido que supoña na práctica a superación do mal acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF con Montoro. Que no primeiro ano de aplicación do acordo nos atopemos xa cunha perda tan elevada de perda da nosa capacidade para facer fronte á carestía da vida é un síntoma claro do mal que se fixeron as cousas.

O primeiro, para a CIG, debe ser blindar calquera posíbel acordo cunha cláusula de revisión salarial que impida que os soldos estean por baixo do IPC. Isto implicaría, botar por terra o principal logro do goberno do PP que alegremente subscribiron os sindicatos estatais: a vinculación das subas salariais ao Produto Interior Bruto (PIB).

En segundo lugar, para a CIG é fundamental revisar o acordo asinado e conseguir unha auténtica recuperación salarial despois de 9 anos de sangría retributiva para o profesorado e o conxunto dos e das traballadoras do sector público.

En terceiro lugar, a CIG manterá o seu rexeitamento ao tope do 0,3% que o Estado lle “permite” ás diferentes administracións para

mellorar o raquítico acordo estatal. Esa limitación debe eliminarse e a Xunta debe asumir unha negociación que nos leve á recuperación dos recortes que a propia Xunta converteu nos maiores do Estado (pagas extras 2013-2016) e que, no caso do profesorado, permita afrontar unha negociación real, lonxe da fraude que supuxo a oferta da Consellaría a finais do curso 2017/18.

Pagas extras, aínda incompletas

A responsabilidade de que as pagas extras se manteñan aínda incompletas é exclusiva do Estado, que mantén recortado o salario base e os trienios. Desde a CIG tamén demandaremos da nova ministra de Facenda a recuperación deste dereito e a pago íntegro das pagas extras.

Comentarios