O goberno municipal visita á palilleira amesá Ana Rosa Lista

O goberno municipal visita á palilleira amesá Ana Rosa Lista
O goberno municipal visita á palilleira amesá Ana Rosa Lista

Este encontro serviu para avanzar en futuros proxectos de colaboración entre ambas as dúas partes

O Concello de Ames e maila mestra artesá, Ana Rosa Lista, están a estudar novos proxectos de colaboración para poder poñer en valor o traballo desta profesional do encaixe. Membros do goberno municipal e maila técnica de turismo do Concello de Ames visitaron este pasado luns, 16 de xullo, A Casa Escola Obradoiro da palilleira amesá. Alí puideron ver moitos dos seus traballos e deseños (moitos deles dun incrible valor e únicos) que xa foron presentados en varios encontros e desfiles, recibindo varios premios e nalgúns casos forman parte de importantes exposicións.

O alcalde de Ames, José Miñones, incidiu en que “dende o Concello estamos estudando varias accións para ampliar a colaboración que mantemos dende hai varios anos con Ana Rosa, que ten situado ao concello de Ames como un referente no amplo e variado mundo do encaixe. Cabe destacar que un dos agasallos institucionais que se entregan dende a Alcaldía é un prato coa <A> de Ames bordada por Ana Rosa”.

Ana Rosa Lista imparte formación en diferentes técnicas e especialidades de encaixes e bordados. A nivel formativo a palilleira amesá realizou cursos impartidos pola Xunta de Galicia como son os de “Perfeccionamento do encaixe moderno” (2009); “Técnicas de encaixe moderno” (2010); “Comenzo e remates de encaixe de Torchón” (2010); e “Arte do bolillo e a súa aplicación” (2011). Asemade, realizou o curso de formación de profesora da Escola holandesa de encaixe e especializouse en encaixe contemporáneo holandés, encaixe italiano (Cantú e Milán), encaixe antigo holandés, encaixe francés (Chantilly), encaixe de pleitados; schneeberg, torchón, guipur e ruso.

Por outra banda participou en cursos da profesora Mariña Regueiro de encaixe italiano (Idria), encaixe holandés (Flandes), e curso de remates invisibles. Tamén asistiu a cursos coa profesora Esperanza Marín de encaixe de Dinamarca (Tónder), e encaixe holandés de Bruxas.

Primeiro Premio de Exaltación do traxe galego antigo

Ana Rosa Lista ten participado nun grande número de exposicións e encontros profesionais en diferentes localidades da xeografía nacional e internacional. Os seus traballos e mestría na creación e deseño de novos puntos e patróns é cada vez máis recoñecida fóra das nosas fronteiras. Tamén colabora na edición de libros de publicacións especializadas como no libro “Los Encajes de Mario Gallego Rey” e na revista “Vuelta y Cruz”.

Entre os moitos premios acadados cómpre salientar o segundo Premio de deseño e execución do encaixe galego (Mostra do Encaixe de Camariñas, en 2010) e mailo primeiro Premio de Exaltación do traxe galego antigo do ano 1895 (2010). Entre os seus traballos destacan os deseños propios, a restauración de pezas antigas e picados, a elaboración de bordado tradicional (traxe tradicional de Galicia), a colección de encaixes tradicionais galegos e estranxeiros antigos, así como a elaboración de traxes tradicionais de diferentes zonas de Galicia.

Comentarios