O alcalde recibe a Nerea Barros antes do pregón co que esta noite comezan as festas do Apóstolo

O alcalde recibe a Nerea Barros antes do pregón co que esta noite comezan as festas do Apóstolo
O alcalde recibe a Nerea Barros antes do pregón co que esta noite comezan as festas do Apóstolo

O alcalde incidiu en que "Nerea Barros é parte desta cidade, e así o entende a súa veciñanza, que a recoñece como veciña da parroquia do Eixo"

A actriz Nerea Barros visitou esta mañá o Pazo de Raxoi, horas antes de pronunciar o pregón co que esta noite comezan as festas do Apóstolo. A intérprete compostelá foi recibida polo alcalde, Martiño Noriega, que lle agradeceu "o sí inmediato que deu cando se lle fixo o convite, e o orgullo co que sempre leva o nome de Santiago".

O alcalde incidiu en que "Nerea Barros é parte desta cidade, e así o entende a súa veciñanza, que a recoñece como veciña da parroquia do Eixo". Ademais, explicou que "a elección dunha actriz completa o relato que iniciamos en 2015 coa elección dunha deportista como Vero Boquete, e proseguimos en 2016 co científico Anxo Carracedo e o ano pasado con Uxía. Estamos a mostrar as diferentes caras de Compostela, e con Nerea Barros reivindicamos que Santiago é tamén unha cidade de cine".

"Orgullo picheleiro"

Nerea Barros recoñeceu sentirse "moi orgullosa de ser a persoa elixida para abrir as festas de Santiago, a cidade na que me criei e que me converteu na persoa que hoxe son". A actriz reivindicou Compostela como "unha cidade máxica, na que emerxe a cultura sen ter que facer case nada, que acolle e quere as persoas que chegan de fóra e que deciden quedar para sempre". A pregoeira destas festas do Apóstolo recoñeceu que "en todas as cidades nas que vivín, sempre botei de menos Galicia, sempre recomendei viaxar a esta cidade, que é ademais o porto dun camiño de reflexión como é o Camiño de Santiago".

Nerea Barros avanzou que o seu pregón desta noite será "unha reflexión sobre todo o que significa Santiago". Tamén haberá referencias ás mulleres galegas, "mulleres fortes, vestidas de negro, que criaron fillos e fillas que son o futuro deste país".

O pregón de Nerea Barros comezará ás 22:30 horas, dende os balcóns do Pazo de Raxoi. Ao remate, na praza do Obradoiro terá lugar o primeiro dos concertos do Apóstolo, coa cantante de soul Bette Smith.

Comentarios
Lo más