Presentación do libro ‘Senlleiras’ de Antía Yáñez

Presentación do libro ‘Senlleiras’ de Antía Yáñez
Presentación do libro ‘Senlleiras’ de Antía Yáñez

O acto celebrarase ás 20 horas no Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés Santiago, planta baixa

Hoxe venres, 20 de xullo, preséntase en Santiago a obra gañadora da segunda edicion do Premio Literario Illa Nova de Narrativa 2018, ‘Senlleiras’ de Antía Yáñez. O acto celebrarase ás 20 horas no Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés Santiago, planta baixa. A autora estará acompañada de Montse Pena, profesora e crítica literaria, Malores Villanueva, editora de Galaxia e Eva Calvo do departamento de Comunicación e Relaciones Institucionales de El Corte Inglés Santiago.

‘Senlleiras’. Unha influencer sube unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta.

A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada.

Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.

Antía Yáñez (Burela, 1991) estudou Enxeñería de Camiños, Canles e Portos. Comezou a escribir relato curto e historias breves e acadou diversos premios. En 2016 publicou O misterio de Portomarín (Galaxia), a súa primeira novela para público xuvenil.

O Premio Literario Illa Nova de Narrativa está dirixido a autores e autoras menores de 35 anos, convocado por primeira vez no 2017, naceu co obxectivo de estimular a creación e de abrir un camiño a quen se está iniciando no mundo da creación literaria. O patrocinio de Ámbito Cultural El Corte Inglés a esta iniciativa da Editorial Galaxia, foi posible por que ambas entidades comparten a mesma sensibilidade de apoio a novos valores.

Comentarios