Remata o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar no que participaron preto de 800 alumnos

Remata o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar no que participaron preto de 800 alumnos
Remata o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar no que participaron preto de 800 alumnos

Impartíronse 190 horas de sesións co alumnado, divididas nunha media de cinco sesións por aula

Seguindo co programa posto en marcha nos centros escolares de titularidade pública de Ames, no último trimestre do curso 2016/2017, durante curso escolar 2017-2018 continuouse e ampliouse o programa a 1º de Bacharelato. Este programa está promovido polo Concello de Ames, a través da Concellería de Sanidade e Servizos Sociais.

O programa establece uns obxectivos xerais orientados a reducir os factores de risco e potenciar os factores de prevención, proporcionándolle ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitan desenvolver estilos de vida saudables e afrontar adecuadamente as posibles situacións de perigo relacionadas ou non directamente con posibles adicións que poidan ir aparecendo o longo do seu desenvolvemento. Tamén se traballa para aumentar as capacidades e habilidades persoais de resistencia a oferta de sustancias promovendo o desenvolvemento de recursos propios que faciliten actitudes e condutas de rexeitamento ao consumo ou, si se da, atrasándoo o maior tempo posible.

Deste xeito, un total de 798 alumnos e alumnas, que cursaron sexto de primaria, segundo e cuarto da ESO e primeiro de bacharelato dos centros escolares de Ventín, Barouta, Agro do Muíño, A Maia, IES do Milladoiro e IES de Bertamiráns, beneficiáronse do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar. Neste programa tamén participaron as familias de dito alumnado e 44 docentes dos citados centros de ensino. Impartíronse 190 horas de sesións co alumnado, divididas nunha media de cinco sesións por aula. Para iso adaptáronse os contidos a cada nivel de idade e maduración.

Tamén se tiveron en conta as circunstancias particulares de cada grupo e traballouse desde o modelo de habilidades para a vida (autoestima, presión de grupo, habilidades sociais e as adiccións con e sen substancia). Asemade, realizáronse 76 horas de sesións cos profesores/as (38 titores/as e 6 persoas de equipos directivos e de orientación) e 22 horas de traballo con familias. O traballo co profesorado e as familias foi tamén moi importante en base a uns obxectivos específicos, que consistiron en dotalos de ferramentas educativas que favorezan o desenvolvemento saudable dos menores e melloren as relacións familiares; así como facilitar a participación activa dos profesionais do ámbito escolar como axentes preventivos, formándoos e capacitándoos para elo.

Incorporouse tamén o enfoque de xénero e contidos relacionados con outras condutas de risco como o abuso ou uso indebido das novas tecnoloxías. Así, impartíronse un total de 288 horas de traballo presencial cos grupos de alumnos/ as, familias e docentes. Recolléronse e analizáronse 2.394 cuestionarios anónimos de autoestima, hábitos de vida, sociogramas e avaliación dos ciclos, que se traduciron en 38 informes diferentes para os titores, un informe por grupo clase, onde se reflectiron aspectos a ter en conta a nivel particular para cada clase e nivel.

Metodoloxía de traballo do programa

O plantexamento do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar foi totalmente participativo. A través de diferentes dinámicas, o alumnado foi quen de ir aportando e desenvolvendo a información e recursos do ciclo. A través de técnicas de traballo grupal como dramatizacións, enquisas, análise da publicidade ou debates, os alumnos e alumnas foron participando colectivamente na construción dos contidos. Tamén se fixeron actividades individuais e actividades na casa para poder compartilas cos pais/nais/titores e que puideran axudar a achegar o tema dende o centro a casa e viceversa.

En 6º de primaria e 2º da ESO abordáronse os primeiros consumos de alcol e tabaco, mentres que en 4º da ESO e bacharelato traballouse co alcol, tabaco, cánnabis e outras sustancias. Unha vez rematada a intervención elaborouse unha avaliación do programa, con recomendacións particulares dos aspectos que puidesen ter relevancia para ter en conta.

Os resultados indican a porcentaxe de alumnado de 2º e 4º da ESO que probaron o alcol, tabaco e o cannabis. Tamén recollen datos sobre as apostas electrónicas, a media de horas adicada os videoxogos, non aptos para a súa idade, e sobre se mantiveron relacións sexuais (con ou sen uso de preservativo). En canto ao alumnado de bacharelato, os resultados recollen hábitos de tempo libre, horarios de volta a casa cando saen de festa, tempos de uso de videoxogos, práctica de deporte semanal e horas de lectura semanal. Tamén abordan condutas de risco como o consumo de tabaco, alcol cánnabis e/ou outras substancias. Por último, preguntóuselle sobre se xogaron as máquinas comecartos e se fixeron apostas a través da Internet.

A concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, indica “considero que a prevención é fundamental en idades temperás, e tendo en conta non só as adiccións con sustancias, senón tamén as sen sustancias, como as novas tecnoloxías , o xogo e as apostas, entre outras”. Asemade, destaca “a ampliación deste programa durante o curso 2017-2018 para incluír ao alumnado de primeiro de bacharelato”.

Comentarios
Lo más