O Concello de Ames implantará unha nova Administración electrónica

O Concello de Ames implantará unha nova Administración electrónica
O Concello de Ames implantará unha nova Administración electrónica

No Concello de Ames fíxose unha instalación incompleta e parcial do sistema SIGEM, na que o módulo de secretaría non está instalado e polo tanto non se pode facer un seguimento completo do expediente tramitado

O Concello de Ames atópase inmerso nun proceso de modernización e mellora dos seus sistemas e aplicacións informáticas, cuxo obxecto é modernizar e mellorar a xestión municipal, aplicando as novas tecnoloxías da información e comunicación. O proxecto pretende ademais prestar uns servizos públicos de maior calidade ao cidadán, a empresas e colectivos especiais. Dentro deste plan atópase a instalación da Administración electrónica, proceso no que se xa se estivo traballando a través de dúas fases de implantación de novos procedementos dixitais.

No Concello de Ames fíxose unha instalación incompleta e parcial do sistema SIGEM, na que o módulo de secretaría non está instalado e polo tanto non se pode facer un seguimento completo do expediente tramitado. Debido a iso e antes de seguir coa implantación deste modulo da Administración electrónica o rexedor municipal acompañado da secretaria e do persoal do departamento de informática visitaron o Concello de Fene para interesarse por este módulo de secretaría.

Alí puideron ver de primeira man como funciona o devandito modulo, as súas vantaxes e inconvenientes á hora de tramitar expedientes. As demostracións que se fixeron baseáronse en experiencias de traballos tramitadas neste Concello coruñés. Asemade, falouse dos efectos que pode ter esta ferramenta para a cidadanía amesá e para o propio Concello. Dende a secretaría municipal valorouse positivamente esta ferramenta, aínda que faise fincapé no factor tempo da tramitación electrónica e a sobrecarga de traballo actual.

A elección deste Concello realizouse por ser un dos municipios que utilizan o mesmo programa da Deputación que en Ames, ademais de contar con todo o trámite electrónico instaurado. Para o alcalde a importancia desta ferramenta está no beneficio que se obtén no seu uso diario, ademais de ser unha obriga para un Concello como o de Ames, cunha poboación xoven e dinámica.

A posta en marcha do módulo de Secretaría levarase adiante nos vindeiros meses nun proceso de modernización da Administración, que xa non ten volta atrás e que de cara a finais do presente ano pasará por ser unha obriga dos Concello que verán como o papel irá desaparecendo nos trámites administrativos.

Ordenanza e xestión do cemiterio municipal

De xeito, paralelo os alcaldes de Ames, José Miñones, e o de Fene, Juventino Trigo, mantiveron unha xuntanza na que tamén se falou desta ferramenta e do propio sistema SIGEM. Ademais, estiveron falando da ordenanza e do sistema de funcionamento do cemiterio municipal que o Concello de Fene ten en funcionamento. Tras este encontro participaron nunha demostración na que se realizou a tramitación completa dun expediente administrativo través da devandita ferramenta.

O rexedor municipal explica que “a diminución de fondos da subvención do Plan Avanza imposibilita incrementar a partida na administración electrónica que queríamos levar adiante. Queremos sacarlle o máximo proveito ao SIGEM para poder facer internamente unha tramitación completa de todos os expedientes con sinatura dixitalizada. A visita que fixemos a Fene foi de moito interese e sacamos proveito das demostracións que vimos alí sobre esta ferramenta para levar á práctica no nosos Concello”.

Cómpre salientar que o seguinte paso que se quere levar a cabo en Ames e a redución do papel na tramitación e xestión administrativa. Para iso é inevitable a posta en marcha deste tipo de ferramentas da administración electrónica. En Fene tamén se realizou unha visita ao Rexistro municipal, para facer un intercambio de experiencias de ambos Concellos. A intención é seguir falando con outros Concellos para coñecer a súa experiencia na posta en marcha destas ferramentas do SIGEM.

Miñones remata agradecéronlle ao alcalde de Fene e ao goberno deste Concello a súa receptividade “porque a experiencia foi moi positiva e as demostracións realizadas in situ de diferentes trámites será aproveitada para mellorar as ferramentas e o traballo que se desenvolve en Ames. Ademais, quero darlle as grazas a Juventino Trigo pola información que me proporcionou sobre o tema da ordenanza e do sistema de funcionamento do cemiterio que Fene xa ten moi avanzado e instaurado”.

Comentarios
Lo más