En Marea Touro considera prioritario un proxecto de transporte público

En Marea Touro considera prioritario un proxecto de transporte público
En Marea Touro considera prioritario un proxecto de transporte público

No vindeiro ano a Xunta vai licitar os contratos do Mapa Concesional do Transporte Metropolitano de Galicia, e Touro ten actualmente un grave problema de mobilidade ó igual que outros moitos concellos do rural galego

O concello de Touro sofre graves eivas nos servizos máis básicos, e que en moitos casos son causa de que moita xente decida ir vivir a outros concellos da comarca, afondando aínda máis a crise demográfica que padece.

No vindeiro ano a Xunta vai licitar os contratos do Mapa Concesional do Transporte Metropolitano de Galicia, e Touro ten actualmente un grave problema de mobilidade ó igual que outros moitos concellos do rural galego, "mais isto non semella ser unha gran preocupación para o goberno do PP de Ignacio Codesido, que ante a oportunidade e necesidade de presentar unha proposta sólida ao novo plan de transporte metropolitano, decide non facer nada e non ten aínda proxecto ningún que presentar na xuntanza comarcal que terá lugar na consellería; proxectos que si teñen presentado outros concellos da comarca hai meses".

"As conexións existentes entre Touro e Santiago son escasas e están mal estruturadas, non son efectivas pola escasa frecuencia nin polos tempos excesivos do traxecto, tampouco permiten a mobilidade interna e non cobren a meirande parte das parroquias, o que obriga á veciñanza a dispoñer de trasporte privado, cada vez menos accesible sobre todo polo avellentamento da poboación".

A Marea de Touro considera prioritario facer efectivo un Proxecto de Mobilidade que preste o servizo de xeito efectivo e dea solución ás necesidades da veciñanza, para ir traballar, para o estudo tanto obrigatorio como postobrigatorio ou para o lecer.

Un Proxecto de Mobilidade precisa de meses de traballo, dedicar recursos, de posta en coñecemento da veciñanza e recollida previa de propostas, etc. Para En Marea "é inadmisible que o goberno de Touro (PP) permaneza de brazos cruzados á espera do que as empresas privadas de transporte ofrezan. As empresas do transporte seguro que velarán polo seu rédito económico, non polo beneficio social e o interese da veciñanza, que é o que tería que estar defendendo o goberno local".

"Esta situación é unha demostración máis da inoperancia e incompetencia do goberno popular encabezado por Codesido, que non ten un proxecto de goberno sólido, polo que a veciñanza sofre os problemas derivados dunha administración débil e ausente de ideas que permitan desenvolver as múltiples potencialidades da contorna".

Comentarios