80 nenos e nenas participaron no II Campus de Verán Básquet Ames

80 nenos e nenas participaron no II Campus de Verán Básquet Ames
80 nenos e nenas participaron no II Campus de Verán Básquet Ames

Os rapaces e rapazas estiveron divididos en diferentes grupos segundo a idade

O segundo campus de verán Básquet Ames desenvolveuse do 2 e o 13 de xullo. Organizado polo Club Básquet Ames, en colaboración co Concello de Ames, o campus realizouse na Área deportiva do Milladoiro. Esta actividade, que estivo dirixida a nenas e nenos nados entre o 2004 e o 2012, fomentou a práctica do baloncesto, ao tempo que ofreceu unha formación de calidade neste deporte e facilitou a conciliación das familias amesás durante o verán. A captación de mozas e mozos para o propio Club foi outro dos eixos fundamentais do traballo realizado no campus.

Neste tempo, conxugáronse tres horas de adestramento diario e actividades individuais centradas na mellora de habilidades, tiro, defensa e contraataque; con outras máis lúdicas como piscina e talleres de robótica. Este ano tamén se contou coa colaboración de Víctor Pérez, adestrador axudante do Obradoiro CAB, equipo que milita na ACB. Víctor Pérez conversou e dirixiu un adestramento con todos os rapaces e rapazas.

O horario do campus estendeuse dende as 10:00 ata as 17:30 horas. Aínda que as nenas e nenos que acudiron ao servizo de madrugadores comezaron ás 09:00 horas. Ao mediodía houbo unha pausa, entre as 14:00h e as 15:000 horas, para que as rapazas e rapazas puideran xantar nas súas casas ou no comedor do campus.

Actividades de robótica

Entre as 10:00h e as 11:30 horas realizouse o primeiro dos adestramentos do día, ao que seguiu un pequeno descanso de media hora para merendar e recuperar forzas. Entre as 12:00h e as 13:00 horas, as nenas e nenos realizaron actividades de robótica, mentres que entre as 13:00h e as 14:00h acudiron á piscina municipal.

Xa pola tarde, entre as 15:00h e as 16:00 horas, desenvolveuse unha sesión de vídeo, na que se proxectaron imaxes das nenas e nenos realizando diferentes xestos técnicos, co obxectivo de detectar erros e enfatizar as melloras acadadas por cada participante. Nestas sesións tamén se visualizaron gravacións de xogadores de elite realizando diferentes técnicas. Por último, entre as 16:00h e as 17:30 horas produciuse o segundo e último adestramento do día.

As mozas e mozos participantes estiveron divididos en grupos de 15, supervisados cada un deles por un adestrador. Como novidade deste ano, o Campus incorporou adestradores de diferentes puntos da xeografía galega para mellorar a calidade da formación ofrecida.

Comentarios