O Pleno debaterá a aprobación dun convenio de colaboración con Teo para regular a participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro

O Pleno debaterá a aprobación dun convenio de colaboración con Teo para regular a participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro
O Pleno debaterá a aprobación dun convenio de colaboración con Teo para regular a participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro

Este xoves, 26 de xullo, celebrarase o pleno ordinario do mes de xullo no que a Corporación municipal debaterá a participación no Plan POS + Adicional 1/2018 e a aprobación definitiva do Plan especial de Reforma Interior do ámbito de solo urbanizable 

Os temas que se debaterán este xoves no pleno ordinario de xullo, foron previamente tratados o pasado venres, 20 de xullo, nas comisións informativas. Deste xeito, un dos temas que figura na orde do día de dita sesión plenaria é a aprobación do convenio de colaboración entre os concellos de Teo e Ames co obxecto de regular a porcentaxe de participación de cada concello nos custes de xestión da EDAR Calo-Milladoiro.

En xullo de 1998 realizouse o proxecto básico da obra de saneamento en Calo e Milladoiro por parte da Xunta de Galicia. Para o cálculo do dimensionamento da EDAR no anteproxecto estimouse a poboación futura (na área de influencia da EDAR) dos dous concellos no ano 2023. Tendo en conta a realidade actual de ambos concellos, considérase neste momento máis conveniente utilizar outro criterio para o reparto dos custes, concretamente o número de vivendas conectadas á EDAR Calo-Milladoiro. Para este fin, cada concello confeccionará anualmente unha listaxe de vivendas conectadas ó servizo de saneamento que verten á EDAR Calo-Milladoiro, con indicación do enderezo de cada vivenda conectada e titular do servizo.

Asemade, co obxecto de dispor dun estudo de custos, por acordo entre as alcaldías dos dous concellos, a principios de 2014 solicitouse a Augas de Galicia que realizase un estudo técnico de custes da EDAR Calo-Milladoiro. Este estudo, realizado por IDOM, Consultora de Aguas de Galicia, establece un custo de xestión total de 149.869,85 euros/ ano. Neste montante incluíase o custo variable da electricidade, nese ano estimada en 41.437,36 euros, polo que o custe de xestión, excluída electricidade, é de 108.432,49 euros/ano. Estas cifras son sen IVE.

En base ao convenio, que se pretende aprobar, corresponderalle ao Concello de Teo a administración, control da xestión e mantemento da instalación da EDAR Calo-Milladoiro. Para os custos anteriores ao 2019 aplicarase o criterio do número de habitantes debendo o Concello de Ames aboar ao Concello de Teo un total de 295.815,43 euros correspondente ás anualidades que van de 2013 a 2017. A anualidade de 2018 aínda está pendente de liquidación. As anualidades de 2013 e 2014 terán que aboalas antes do 31 de decembro de 2018; ás de 2015, 2016 e 2017, antes do 31 de decembro de 2019; e a de 2018, antes do 31 de decembro de 2020.

Plan especial Rego dos Pasos Norte

Outro dos puntos a tratar será a a aprobación definitiva do Plan especial de Reforma Interior do ámbito de solo urbanizable non consolidado APR P.B4-07 “Rego dos Pasos Norte” do PXOM de Ames. O pasado 8 de febreiro a Xunta de Goberno Local acordou a aprobación inicial de dito plan promovido pola entidade Construcciones Obras y Viales S.A., COVSA.

O documento aprobado inicialmente someteuse á correspondente información pública e, ao mesmo tempo, solicitáronse ás administracións públicas competentes os informes sectoriais e consultas preceptivos. Durante o trámite de información pública non consta a presentación de alegacións, polo que agora, será o Pleno o que deberá, se procede, aprobar de xeito definitivo dito plan que recolle a urbanización de 13 vivendas unifamiliares. Trátase dun plan elaborado dende hai anos por unha entidade promotora que quebrou. A nova entidade promotora, COVSA, presentou unha modificación das vivendas que se pretenden construír.

Participación no Plan POS + Adicional 1/2018

Dentro do POS + Adicional 1/2018, ao Concello de Ames correspóndelle á contía de 339.927,55 euros. Na Xunta de Goberno Local do pasado 7 de xuño, acordouse a participación neste plan adicional coa obra “Camiño de Quistiláns a cemiterio e viarios do núcleo de Quistiáns (Bugallido)” por importe de 136.820,22 euros, e que estaba incluída no plan complementario 2018. Restando a contía deste proxecto da contía total asignada, resulta que quedan 203.107,33 euros, para outros proxectos novos que teñen ser aprobados polo Pleno do Concello, antes do 30 de xullo. Dada a contía restante proponse a inclusión do proxecto de “Saneamento en Susavila de Carballo”, por importe de 92.889,93.euros, e mailo proxecto de “Reposición de beirarrúas na rúa Alcalde Lorenzo e repavimentación da glorieta do Pedregal”, proxecto de nova redacción por importe de 110.217,40 euros.

Modificación do plan estratéxico de subvencións

O pasado 1 de xuño e 2018 foi aprobado definitivamente o Orzamento de 2018, o que provoca unha serie de modificacións que afectan ao Plan estratéxico de subvencións que está en vigor dende finais de maio e 2017, polo que é necesario proceder a súa modificación de forma que se adecúen ás anualidades aos créditos iniciais e se reflictan as novas liñas de subvencións. As modificacións afectan ás subvencións en materia de medio ambiente; servizos sociais e promoción social; educación; promoción cultural e normalización lingüística; deportes; e promoción económica.

Por último, debaterase unha proposta presentada polo grupo municipal popular de Ames sobre a igualdade de mulleres e homes nos nomes das rúas. A través desta proposta ínstase ao Concello a que os institutos de educación secundaria de Ames se unan á iniciativa “Merezo unha rúa”, posta en marcha por un grupo de alumnos e alumnas de ESO do IES Cartima, situado en Cártama (Málaga), a cal podería concluír con propostas de mellora en favor da igualdade de xénero e a elaboración dunha pequena lista de mulleres ilustres merecedoras de poñer nome as rúas de Ames, espazos e edificios públicos. Tamén se solicita que o Concello, co obxecto de reivindicar o papel da muller na sociedade, adopte unha moratoria no nomeamento con nomes masculinos das rúas, lugares e edificios públicos, e aposte no futuro por ir nomeando con nomes de mulleres ata conseguir dita igualdade.

Comentarios
Lo más