O Mapa de Radon de Galicia amplíase con 400 novas medicións en vivendas galegas

O Mapa de Radon de Galicia amplíase con 400 novas medicións en vivendas galegas
O Mapa de Radon de Galicia amplíase con 400 novas medicións en vivendas galegas

Os responsables do Laboratorio, os profesores Juan M. Barros Dios e Alberto Ruano Raviña, esperan volver ampliar o mapa a finais deste ano e superar as 4.000 medicións

O Mapa de Radon de Galicia sobrepasa as 3.800 medicións en vivendas galegas tras unha nova ampliación realizada polo Laboratorio de Radon de Galicia da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Todas as medicións –efectuadas coa colaboración da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade– pódense consultar na páxina web do Laboratorio e colocan a Galicia como a Comunidade Autónoma de España mellor caracterizada en canto a exposición a radon interior. Así, mentres o Mapa de España contén un total de 12.000, só Galicia ten case o 33%. De feito, as provincias de Ourense e Pontevedra teñen cada unha delas máis de 1.000, sendo os municipios con maior cantidade os de Vigo, con 255, e o de Santiago con 248.

Os responsables do Laboratorio, os profesores Juan M. Barros Dios e Alberto Ruano Raviña, esperan volver ampliar o mapa a finais deste ano e superar as 4.000 medicións, con especial énfase na provincia de Pontevedra e tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade. Para eles, a nova ampliación confirma “o xa sabido” de que as provincias con maiores concentracións de radon son Ourense e Pontevedra ademais de que “existen diferenzas entre as concentracións no ámbito municipal”.

Radon no traballo

O esforzo investigador do Laboratorio de Radon de Galicia ten ampla repercusión en revistas científicas estatais e internacionais. Agora é Gaceta Sanitaria a que vai publicar unha investigación sobre exposición a radon no ámbito laboral, con medicións en preto de 250 postos de traballo de varias Comunidades Autónomas.

O estudo, o máis importante sobre este gas no ámbito ocupacional en España, amosa que aquelas Comunidades con máis presenza de radon teñen maior probabilidade de superar o nivel límite de 300 Bq/m3 no posto de traballo. “Aqueles postos de traballo localizados en municipios considerados de risco polo Consello de Seguridade Nuclear presentan maiores concentracións de radon”, aseguran os autores. Este estudo fíxose en colaboración co Instituto Sindical de Trabajo, Ambiente y Salud (ISTAS) de Comisiones Obreras.

Por outra banda, un artigo publicado por este Laboratorio sobre radon e cancro de pulmón de célula pequena vén de acadar un dos premios aos mellores artigos de investigación do Colexio de Médicos de Pontevedra.

Comentarios
Lo más