O “I Concerto Benéfico NormalizAutismo” celebrarase o vindeiro 26 de setembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela

O “I Concerto Benéfico NormalizAutismo” celebrarase o vindeiro 26 de setembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela
O “I Concerto Benéfico NormalizAutismo” celebrarase o vindeiro 26 de setembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela

 A entidade sen ánimo de lucro “NormalizAutismo Galicia” será a promotora deste evento co obxecto de fortalecer o labor inclusiva das persoas con trastorno espectro autista na sociedade galega a través da música.

“NormalizAutismo Galicia” é unha entidade sen ánimo de lucro promovida por familiares e amigos de persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA). Preocupados por mellorar a calidade de vida e por promover o exercicio efectivo dos dereitos destas persoas, xurde a necesidade de ir máis alá dirixindo todo o esforzo cara á sociedade galega mediante o desenvolvemento de campañas sociais e de información, repartidas durante todo o ano.

“NormalizAutismo Galicia” está a desenvolver o seu primeiro proxecto consistente no “I Concerto Benéfico NormalizAutismo”. Este celebrarase na Sala Capitol de Santiago de Compostela o vindeiro 26 de setembro e pretende ter un concepto de gala benéfica na que se combinarán actuacións musicais cun labor de información aos asistentes sobre as principais aptitudes e/ou dificultades que as persoas con trastorno espectro autista manifestan, para contribuír a unha convivencia mais inclusiva, aberta e bidireccional.

Os artistas convidados intervirán dun xeito individual e colectivo mediante a participación e colaboración entre todos eles. Así, acadaranse versións en acústico das melodías, linguas e voces nunca antes escoitadas polos amantes da música de autor e do son en acústico, tratándose esta iniciativa por tanto, dunha proposta específica no ámbito cultural no que se proxecta.

Rosa Cedrón como madriña deste evento estará acompañada doutros artistas galegos como Luís Fercán, Carmela Pequeña, David Prado, Jorge Casal e Álvaro Iglesias. Outros artistas nacionais como Jorge Marazu, Txetxu Altube, Mäbu, Virginia Maestro, Siloé, Pablo Moreno, Pol 3.14 e Carlos Suárez sumaranse coa súa colaboración a esta iniciativa de normalización e visualización do trastorno espectro autista.

Desde a data de hoxe as entradas estarán á venda on-line a través do portal de Ticketea. A recadación deste concerto irá destinada integramente ao desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización para a mellor comprensión das afeccións que acompañan a este trastorno.

Concello de Santiago, Sónar Directo, Samaria Social e Beyla apoian coa súa colaboración esta primeira edición do “I Concerto Benéfico NormalizAutismo” que aspira ter unha boa acollida para poder seguir co seu labor e celebrar futuras edicións desta cita.

Comentarios