A programación do Apóstolo acórdase do público infantil coa "Feira na eira" de Galeras

A programación do Apóstolo acórdase do público infantil coa "Feira na eira" de Galeras
A programación do Apóstolo acórdase do público infantil coa "Feira na eira" de Galeras

Na rolda de prensa tamén participaron dous dos artistas que participarán na Feira na Eira!, a contacontos Vero Rilo e o músico Paco Cerdeira

A programación do Apóstolo non se esquece un ano máis dos nenos e das nenas, ás que lles espera unha fin de semana chea de actividades na Feira na eira! que se vai celebrar en Galeras. Serán dúas xornadas de música, contacontos, obradoiros e xogos en familia, nas tardes dos próximos sábado e domingo.

A concelleira de Acción Cultural presentou hoxe a Feira na eira!, a proposta para público infantil e familiar incluída na programación do Apóstolo. As actividades vanse desenvolver nas tardes do próximo sábado 28 e do domingo 29 no parque de Galeras. Branca Novoneyra explicou que este ano se optou por "dedicarlle dúas tardes enteiras aos nenos e nenas, e centrar as actividades na fin de semana para favorecer a asistencia, que xa viña sendo moi importante en anos anteriores". Ademais, este ano haberá "máis obradoiros e xogos dirixidos, sen deixar de lado os contacontos e a música, con algúns dos referentes musicais da infancia como Pakolas ou Uxía Lambona e a Banda Molona".

Na rolda de prensa tamén participaron dous dos artistas que participarán na Feira na Eira!, a contacontos Vero Rilo e o músico Paco Cerdeira.

Obradoiros e xogos

Tanto no sábado como no domingo, a Feira na eira! comezará ás cinco da tarde e prolongarase ata máis alá das nove da noite. O parque de Galeras contará con varias zonas para os diferentes xogos e obradoiros. Así, haberá unha "Zona de terra" destinada a xogos en familia e a xogos xigantes; unha "Zona de auga", na que haberá un gran tobogán de auga e unha área de chuvia con aspersores; e unha "Zona de aire", cunha pista de obstáculos inchable". Tamén está prevista unha "Zona de palla", na que os nenos e nenas poderán participar nun obradoiro para aprender a facer un palleiro; e unha "Zona de sombra", cun obradoiro para que os pequenos e pequenas fagan os seus propios sombreiros".

Música e contacontos

A Feira na eira! complétase coa "Zona de escenario", pola que no sábado e no domingo irán pasando diferentes artistas para contaren contos ou cantaren cancións.

O sábado, o encargado de inaugurar o escenario será Luigi Ludus, un mago especializado nos espectáculos para a infancia que fará dous pases na primeira xornada do programa, ás 17:00 e ás 19:00 horas. Polo escenario da Feira na eira! tamén pasarán a contacontos Vero Rilo, ás 18:00 horas, e A Gramola Gominola, unha banda de rock para os máis pequenos e pequenas da casa formada por Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (batería) e Paco Cerdeira (voz e guitarra). O grupo presentará as súas Cancións para desafinar en Galeras, a partir das 19:00 horas. A xornada do sábado na Feira na eira! rematará, a partir das 21:00 horas, co serán DJ con músicas galegas e internacionais.

Xa o domingo, a "Zona de escenario" abrirase tamén ás 17:00 h con Crassh DuoCircus, que fará un segundo pase ás 19:00 horas. Ás 18:00 h está prevista a actuación de Pakolas coas súas parábolas. Pakolas é Paco Cerdeira, autor, compositor, músico e produtor que vén centrando a súa carreira no público infantil. No espectáculo que levará a Galeras combina as cancións, todas da súa autoría, cos contos que lles serviron de inspiración.

A Feira na eira! pecharase coa actuación, a partir das 20:00 horas, de Uxía Lambona e a Banda Molona. Esta banda de música infantil recolle os clásicos populares galegos dándolles un novo toque, como a Carolina rapeada ata o "Jato rockeiro". Nos seus espectáculos, os nenos e nenas do público teñen tamén un papel moi activo, participando en bailes, xogos e coreografías.

Comentarios