O Concello de Padrón distingue ao estudoso do Camiño Manuel Garrido como II Peregrino de Honra

O Concello de Padrón distingue ao estudoso do Camiño Manuel Garrido como II Peregrino de Honra

O alcalde, Antonio Fernández Angueira, entregoulle o galardón "Padrón, Berce do Xacobeo" ao remate da tradicional Misa do Peregrino en recoñecemento á súa contribución á recuperación e posta en valor do Camiño de Santiago

O estudoso do Camiño de Santiago Manuel Garrido Rivero, natural de Segovia pero afincado en Padrón desde 1992, recibiu hoxe de mans do rexedor local, Antonio Fernández Angueira, o galardón "Padrón, Berce do Xacobeo", que o distingue como II Peregrino de Honra.

Acompañado pola concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso, polo concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, por outros edís da Corporación Municipal e tamén polos alcaldes de Dodro, Valentín Alfonsín, e Cesures, Juan Manuel Vidal, o rexedor padronés entregoulle o galardón ao remate da tradicional Misa do Peregrino, celebrada na igrexa parroquial de Padrón, en recoñecemento ao seu labor a prol da recuperación e posta en valor do Camiño de Santiago. Manuel Garrido colle así o testemuño do locutor padronés Pepe Domingo Castaño, que recibiu o ano pasado o recoñecemento como I Peregrino de Honra.

Licenciado en Historia, Manuel Garrido é autor da primeira guía práctica do Camiño Portugués (2004) e tamén participou na redacción da Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago. Diccionario da Cultura Xacobea (2010). Ademais, é socio fundador da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago.

Comentarios