O Millarock quenta motores para o vindeiro 3 de agosto

O Millarock quenta motores para o vindeiro 3 de agosto
O Millarock quenta motores para o vindeiro 3 de agosto

O próximo venres, 3 de agosto, realizarase a VIII edición do Millarock no aparcadoiro da Travesía do Porto, onde se darán cita grupos revelación da escena musical galega

O próximo venres, 3 de agosto, realizarase a VIII edición do Millarock no aparcadoiro da Travesía do Porto, onde se darán cita grupos revelación da escena musical galega como son The Teta´s Van e Supernatural con outros cunha extensa traxectoria como Astarot e Ruxe Ruxe.

Deste xeito, ás 21.00 horas comezarán os concertos na Travesía do Porto coa actuación do grupo ourensán The Teta´s Van, que se proclaman como a “revolución en feminino”. Este grupo, que está formado na súa maioría por mulleres (Irene, Lucía, Lorena, Paula e María), aínda que tamén conta con dous músicos homes (Omar e Pablo), caracterízase por tocar unha música marcado pola reivindicación en prol da loita contra as inxustizas que as mulleres viven en primeira persoa, polo que a pesar de estar especializadas en versións, tamén colaboran con numerosas poetisas ás que dan voz mediante a súa música.

En segundo lugar actuará o grupo da amesá Thais Rudiño, finalista do programa ‘La Voz’, e os vigueses Suso Valcárcel na batería, Daniel Lemos co baixo e Fran Almodóvar na guitarra; que neste 2018 están inmersos na promoción do disco, titulado Nada que finxir en castelán, e Nothing to pretend na versión inglesa. Nel mostran gran variedade de ritmos e fusión de estilos.

De seguido, será a quenda do grupo Astarot, fundado en 1983 en Cangas do Morrazo, e composto por Juan A. Antepazo (voz), Carlos Gandón (guitarras), Carlos Rodal (baixo), Loren Tevra (guitarra) e José M. Pedra (batería). Este ano cumprirán 35 anos de traxectoria inmersos nunha xira de concertos de presentación do seu último traballo, Una vida en un segundo, do que se poderá gozar nesta edición do Millarock.

Os últimos en subir ao escenario será o grupo Ruxe Ruxe, constituído por Carlos Freire (baixo), Vituco Neira (guitarra e voz), Miguel Duarte (guitarra eléctrica, acústica e coros), Iago Jorge (batería), Xaco Barona (gaita) e Juan Ramón Rico (saxo). O grupo, que está a celebrar o seu 20 aniversario co lanzamento do seu novo traballo 20 Segundos, ten 11 LP´s no mercado, tres deles editados nos últimos tres anos e un feixe de cancións en recompilatorios e bandas sonoras o que os converte en todo un referente da creación musical galega e en galego.

Comentarios
Lo más