Arnoia celebra a súa 39ª Festa do Pemento na primeira fin de semana de agosto

Arnoia celebra a súa 39ª Festa do Pemento na primeira fin de semana de agosto
Arnoia celebra a súa 39ª Festa do Pemento na primeira fin de semana de agosto

O Pazo Provincial acolleu esta semana a presentación desta festa, unha das máis importantes do calendario de celebracións gastronómicas galegas, declarada de interese turístico galego

Máis de 3.000 quilos de pementos degustaranse na primeira fin de semana de agosto –os días 3, 4 e 5- na 39ª Festa do Pemento de Arnoia, unha celebración na que colabora a Deputación de Ourense, que une gastronomía, cultura e deporte, e na que a organización prevé a asistencia dunhas 12.000 persoas. O Pazo Provincial acolleu esta semana a presentación desta festa, unha das máis importantes do calendario de celebracións gastronómicas galegas, declarada de interese turístico galego e que un ano máis pon en valor o pemento cultivado nas terras de Arnoia, o cal, pola súa calidade e singularidade conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP), acreditado desde o ano 2010.

No presentación participaron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, e a tenente de alcalde do concello, Purificación Domínguez, acompañados por membros da organización do evento. Rosendo Fernández destacou que esta festa comezou en 1980 “para promocionar o pemento de Arnoia e axudar á venda do excedente de produción que se xeraba, e hoxe é un referente da nosa tradición gastronómica”, engadindo que a celebración “foi evolucionando e innovando nas novas maneiras de preparar este produto e tamén no ámbito social, converténdose nun evento no que colaboran máis de 150 veciños”. Neste sentido, Rodrigo aparicio salientou “a colaboración institucional e da veciñanza, o que fai posible que teñamos unha das celebracións gastronómicas máis relevantes, que se distingue polo noso produto estrela, o pemento, e pola cooperación dos veciños”.

En paralelo ás actividades gastronómicas, o programa inclúe a 1ª Concentración de vehículos clásicos, e no apartado musical destaca o Certame de pandeireteiras, “que ten como obxectivo recuperar a tradición oral das nosas cantigas e, ao mesmo tempo, pór en valor a música contemporánea galega”, afirmou Purificación Domínguez. No apartado deportivo, comentou, celebrarase o 5 de agosto a carreira popular “8.000 varas Arnoia”, que terá un percorrido de 10 quilómetros sobre terra e asfalto.

Comentarios