O SERGAS vulnera o dereito de folga do persoal do 061 ao impor uns servizos mínimos do 100%

O SERGAS vulnera o dereito de folga do persoal do 061 ao impor uns servizos mínimos do 100%
O SERGAS vulnera o dereito de folga do persoal do 061 ao impor uns servizos mínimos do 100%

Mario Otero, representante do comité e presidente da Xunta de Persoal, advirte que de non terse en conta as alegacións “recorreremos ao xulgado para defender o noso dereito á folga” que consideran, neste intre, “vulnerado”

O Comité de Folga do persoal estatutario dos centros de traballo da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 de Santiago de Compostela vén de presentar alegacións aos “abusivos” servizos mínimos decretados polo SERGAS con motivo da folga indefinida que comezará o vindeiro día 1 de agosto. Mario Otero, representante do comité e presidente da Xunta de Persoal, advirte que de non terse en conta as alegacións “recorreremos ao xulgado para defender o noso dereito á folga” que consideran, neste intre, “vulnerado”.

Otero explica que a administración estableceu unha cobertura do 100% dos efectivos sanitarios da atención urxente prestada a través do 061 pola Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 e unha cobertura de até un máximo do 20% dos efectivos non sanitarios dos servizos administrativos, en atención ao usuario, persoal, subministracións, contabilidade, facturación e cobros.

En quenda de mañá, estableceuse un efectivo de presenza física de persoal das tecnoloxías da información e comunicacións; en quenda de tarde e noite, localizado.

Desproporcionado

O comité de folga entende que “é desproporcionada” a fixación deses servizos mínimos e lembra que existe unha “xurisprudencia da Sala do contencioso do Tribunal Supremo” que así o establece.

De feito salienta que segundo esta xurisprudencia do TS a existencia dun servizo mínimo esencial non constitúe por si soa unha razón suficiente para o establecemento dos servizos mínimos do 100%; que non cabe fixalos do 100% mesmo no ámbito das urxencias porque “iso equivale a cercenar o exercicio do dereito de folga” e que alcanzar o nivel de rendemento habitual equivale a impedir o dereito de folga.

Xunto a isto, Otero matiza que “é totalmente incoherente que fixen un 20% para o persoal non sanitario, cando non traballan os festivos”. Respecto do 100% do efectivos sanitarios para atención urxente prestada a través do 061, afirma que “a central non só atende o 061 tamén atende un número de consulta sanitaria 902400116” e especifica que ademais, non todas as chamadas que atende o 061 son urxencias ou emerxencias. “O 20% aproximadamente son procesos non asistencias informativos".

Por iso considera que hai un intento da administración de “desactivar a capacidade de presión da folga”, demanda que se atendan as alegacións presentadas mudando o criterio e advirte que de non o facer así presentarán denuncia perante o xulgado.

Comentarios