Veciños de Fecha e Grixoa, de Compostela e comarca solicitan unha resposta urxente pola problemática da contaminación no río Tambre

Veciños de Fecha e Grixoa, de Compostela e comarca solicitan unha resposta urxente pola problemática da contaminación no río Tambre
Veciños de Fecha e Grixoa, de Compostela e comarca solicitan unha resposta urxente pola problemática da contaminación no río Tambre

Instan a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta a que se pronuncien sobore os feitos

O 22 de xuño, veciños e veciñas da zona de Ponte Albar (DP 7804), atoparon troitas e escalos moribundos e mortos flotando polo río Tambre. A auga tiña unha tonalidade moi escura, escuma e desprendía un cheiro nauseabundo.

O mesmo día alertouse ao 112 e ao SEPRONA, que levaron a acabo unha investigación. Transcorridos máis de 30 días do suceso, non existe ningunha información oficial sobre a causa que orixinou a mortaldade piscícola. Nese marco de silencio cabe mencionar que se celebrou a Festa do Escalo en Chaián, sendo este o peor ano do tradicional concurso de pesca pola suposta contaminación do río.

Os veciños e as veciñas saben que na zona o río Tambre é utilizado por bañistas e pescadores, polo que piden ás autoridades competentes explicacións sobre as causas que orixinaron a situación descrita, respectando o dereito de veciños e veciñas a ter información sobre a problemática medio ambiental do acontecido no río.

Acaban de entregar cadanseus escritos formais a Ana María Díaz López, directora xeral de Patrimonio Natural, e a Augas de Galicia que, como organismo adxunto á Consellería de Medio Ambiente, debería informar canto antes dos resultados da investigación levada a cabo polos técnicos de PCV e a Policía Autonómica, e velar por que non se repitan feitos similares sistematicamente.

A esta solicitude sumáronse un total de 158 veciños e usuarios da zona recreativa de Tapia, lugar no que se puxo unha pancarta reivindicando a vida e a saúde do río que abastece Compostela e que rega tantos lugares ata a súa desembocadura na ría de Noia. 

Comentarios