Mikel Azparren intentará percorrer o Camiño de Santiago dende Roncesvalles en 24 horas

Mikel Azparren intentará percorrer o Camiño de Santiago dende Roncesvalles en 24 horas
Mikel Azparren intentará percorrer o Camiño de Santiago dende Roncesvalles en 24 horas

A saída realizarase o domingo 29 e a chegada está prevista o luns 30, ás 12 horas na Praza do Obradoiro

O ciclista donostiarra Mikel Azparren buscará percorrer o Camiño de Santiago, desde Roncesvalles, en menos de 24 horas; para así bater a súa propia marca de 24 horas 15 minutos e 35 segundos lograda no 2015.

A chegada prevista á Praza do Obradoiro é ás 12:00 horas do luns 30.

É a cuarta vez na que se enfronta a esta proba que atravesa terras de Navarra, A Rioxa, Burgos, León, Lugo e A Coruña.

A media prevista para conseguilo é de 35 quilómetros por hora, realizando a primeira parada en León, tras 12 horas de tirada. Despois tocará enfrontarse á Cruz de Ferro e ao empeoramento da orografía, con entrada en Galicia por Pedrafita do Cebreiro.

Segundo apunta o propio Azparren, os seus principais inimigos serán o vento e mailo sono. A dirección e a forza do primeiro, no páramo entre Burgos e León, serán claves para que acadar o desafío siga a ser posible.

Nunha anterior ocasión Azparren quedou durmido sobre a bicicleta e acabou chocando contra unha igrexa, polo que manterse ben espelido entre as 5 e as 8 horas do domingo –as horas críticas- será fundamental.

Como apoio, o ciclista estará acompañado de 3 vehículos que levarán roupa para os cambios e sushi, comida que acompañará as barriñas ou xeles enerxéticos. Para hidratarse, debe beber litro e medio de auga cada hora.

En 2015 perdera 9 quilos de peso durante esas pouco máis de 24 horas e 15 minutos que investiu en completar o Camiño Francés.

Un grupo de xuíces será o encargado de verificar que a proba se fai con xeito.

Neste reto, Mikel Azparren conta co patrocinio do Banco Sabadell e máis o apoio de Orbea, Skoda, Etxeondo, SMWautoblok e RAC (REAL Automóvil Club).

Comentarios