O executivo noiés elevará mañá á consideración do Pleno os Orzamentos de 2018

O executivo noiés elevará mañá á consideración  do Pleno os Orzamentos de 2018
O executivo noiés elevará mañá á consideración do Pleno os Orzamentos de 2018

As contas prevén preto de 1,4 millóns de euros en investimentos

O executivo de Noia, liderado polo alcalde Santiago Freire, elevará mañá á consideración do Pleno municipal os orzamentos 2018. As contas ascenden a un total de 11.280.819,11 euros. Desta cantidade, preto de 1,4 millóns de euros destinaranse ao capítulo de investimentos.

“Estes orzamentos ratifican a clara aposta do goberno de Noia por desenvolver actuacións moi necesarias e coas que poderemos ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza. Trátase dunhas contas realistas e que cumpren cos principios de estabilidade orzamentaria e de teito de gasto”, indica Santiago Freire.

Entre os proxectos que contemplan, o rexedor salienta “a finalización da obra de rehabilitación do Casino de Noia, que se converterá nun centro turístico de referencia para o noso municipio, e para o que destinamos máis de 500.000 euros. Agardamos que poidan estar finalizadas ao remate deste ano”.

Outro dos grandes investimentos é a posta en marcha do plan integral de mellora da Praza de Abastos de Noia. “Para este exercicio destinamos 100.000 euros, se ben nos vindeiros dous anos se investirán os 908.000 € restantes para completar este importante proxecto, cun orzamento total de 1,08 millóns de euros”, concreta Santiago Freire.

No tocante a servizos básicos, habilítase unha partida de máis de 230.000 euros para a nova rede de bombeo A Barquiña-Río do Porto e con 50.129,39 euros para reparacións en distintos colectores de saneamento.

Os orzamentos 2018 tamén prevén máis de 100.000 euros que se destinarán á instalación de caldeiras de biomasa tanto no conservatorio de Noia como no Coliseo Noela.

Para infraestruturas viarias destínanse preto de 61.000 euros no acondicionamento e acceso á Rúa do Forno, que se complementarán con máis de 30.000 euros para camiños rurais. Tamén se prevé un investimento de preto de 60.000 euros para o borde marítimo de Abruiñeiras. Resérvanse case 94.000 euros para acometer obras varias.

As actuacións en instalacións deportivas centraranse no proxecto de accesibilidade da piscina municipal, por valor de 30.000 euros. A esta cantidade súmanse outros 21.000 euros para equipamentos deportivos, edificios e outras construcións.

O apartado de investimentos reais complétase coas partidas para un piano de cola e instrumentos varios (20.000 euros), parques infantís (20.000 euros), fixadores de colectores (8.700 euros), ou reposicións de iluminación pública (8.000 euros), entre outras.

Comentarios