72 persoas participaron dunha nova edición do programa Sanauga

72 persoas participaron dunha nova edición do programa Sanauga

A Oficina municipal de Voluntariado clausurou un curso máis do programa Sanauga, que ten como finalidade mellorar a mobilidade e o benestar físico dos/as asistentes

O programa Sanauga, dirixido a persoas maiores de sesenta anos e/ou persoas que teñan algún tipo de discapacidade, ten a finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes. O curso estivo encamiñado á mellora física das persoas participantes e o seu obxectivo principal é mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática. As actividades centráronse na ximnasia acuática, que consiste en realizar exercicios na auga que comunmente se fan en terra, aproveitando a modificación e os beneficios que a auga impón á súa realización; é dicir, traspasar á auga exercicios de brazos, pernas, tronco, articulacións e musculatura, ademais dos exercicios habituais utilizados na natación e demais actividades acuáticas.

O que se pretende con este tipo de actividade é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, o que supón unha bagaxe de movementos habituais xa apresos e cos que a persoa maior está familiarizada, como son andar, mobilidade de segmentos corporais, empuxar ou empurrar materiais. No programa Sanauga, ademais, non é imprescindible saber nadar, xa que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra.

Para a concelleira de Voluntariado, Isabel González Cancela, “Sanauga é unha actividade imprescindible que xa forma parte da axenda dos maiores de Ames, como amosa a elevada participación que ten ano tras ano. Os nosos maiores saben dos beneficios que reportan as actividades na auga, xa non só para tratar as doenzas propias da idade, senón para previr algunhas outras que se poidan ter”.

Comentarios