Exitosa convocatoria de programas de radio cidadá, cun total de vinte propostas presentadas

Exitosa convocatoria de programas de radio cidadá, cun total de vinte propostas presentadas
Exitosa convocatoria de programas de radio cidadá, cun total de vinte propostas presentadas

A segunda convocatoria de radio cidadá da Radio Municipal de Ames ten o obxectivo de abrir o espectro das ondas á entidades, asociacións e particulares

O Concello de Ames, a través da concellaría de Comunicación, volve dar a oportunidade á veciñanza de presentar os seus propios proxectos de programas de radio, para realizar en Ames Radio entre setembro e decembro deste ano. O prazo de presentación rematou o pasado 9 de xullo. Presentáronse vinte propostas, algunhas elaboradas por distintos colectivos e asociacións e outras firmadas por cidadáns particulares. A relación dos proxectos presentados pode consultarse xa na sección de Avisos nesta web. Posteriormente, será o persoal técnico da emisora quen emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio, acerca de todos os proxectos recibidos.

Ames Radio será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas. Malia que a emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, procurarase respectar as propostas de emisión dos proxectos seleccionados. O obxectivo principal desta convocatoria é achegar a radio á veciñanza, de maneira que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poida facer un programa de radio do seu interese. Ames Radio acreditará a participación de todas as persoas colaboradoras mediante un diploma.

Novas propostas

Compre salientar que dos vinte proxectos presentados, cinco repiten en relación á primeira convocatoria: Miradas, Tangos de la Esquina Sur, Vivirmos nun mundo finito, De museo e Pais na Onda. Quince son as novas propostas que se presentaron nesta segunda convocatoria, con gran diversidade de temas como a ciencia, deporte, actualidade, eventos musicais, tradición, arte, cultura ou saúde. Na sección de Avisos desta páxina web pódese ver a listaxe das propostas e o fío condutor das mesmas. Unha vez que o Consello Asesor da Radio ditamine a viabilidade dos proxectos, o persoal da radio Municipal orientará técnicamente aos colaboradores sobre o modo de presentar e realizar as propostas. Está previsto que os novos programas comecen a gravarse no mes de setembro para a súa emisión.

Comentarios
Lo más