"O endebedamento de Santiago non é problemático"

"O endebedamento de Santiago non é problemático"

Paco Reyes agarda que o goberno local "tome nota" e mellore a organización das festas de 2019, que aínda que se celebrarán baixo nova corporación, serán deseñadas por Compostela Aberta

"Compostela Aberta quere vender que existe un grave problema de endebedamento do Concello para tentar xusitifcar a súa mala xestión". Esta afirmación foi realizada polo voceiro socialista, Paco Reyes, na rolda de prensa que ofreceu onte para dar unha serie de datos "que constatan que, efectivamente, o nivel de renda non é preocupante e que o que pretende o goberno local derivando cartos a reducila é tapar a falta de investimentos e a baixa execución de orzamento".

O edil tamén realizou unha valoración das festas do Apóstolo, das que criticou sobre todo a ausencia de grandes concertos, o caos producido coas invitacións para as actuacións e aos problemas na recollida de lixo.

Un ano máis, o grupo socialista botou en falta algún concerto con proxección internacional, malia, como lembrou Reyes, existir unha listaxe de propostas realizada no seu momento por Xade e que nunca se chegou a materializar (unha das razóns que levou ao seu xerente a marchar).

Nesta valoración das festas do Apóstolo tampouco faltou unha crítica, de novo, á organización do sistema de entrega de invitacións. Deixando claro que o PSdeG-PSOE non se opón en absoluto ás actuacións de balde, si asegurou que hai que organizar ben o sistema de entradas, e "non ten sentido que a xente chamara ás portas dos grupos municipais para preguntar como se podían retirar as invitacións porque non tiñan información ningunha". O feito de que unicamente se entregaran de forma presencial e nun único punto tamén foi obxecto de crítica por parte do voceiro socialista, que manifestou que estas cousas amosan unha falta de planificación. Como falta de previsión, neste caso dos reténs, foi o relativo á recollida de lixo nas rúas e papeleiras; un problema que non se reduciu unicamente ao campus sur, sino que tamén se exprimentou no casco histórico, e dun xeito especial despois da noite do 24. "Ás once da mañá do 25 habías moitas papeleiras sen baleirar, con moitos restos que se podían ver que eran da noite", afirmou o concelleiro. Finalmente, apostou por dotar de maior calidade ao proxecto artístico da proxección dos fogos.

Paco Reyes agarda que o goberno local "tome nota" e mellore a organización das festas de 2019, que aínda que se celebrarán baixo nova corporación, serán deseñadas por Compostela Aberta.

ENDEBEDAMENTO

Paco Reyes comezaba a rolda de prensa respostando a Compostela Aberta polos datos relativos ao endebedamento, que mentres que o goberno local cualifica de preocupantes, para o grupo socialista non o é. De feito, Reyes cre que insistir no nivel de débeda non é outra cousa que unha maneira de agochar unha mala xestión baseada non baixísimo nivel de execución e de investimentos.

Ademais de asegurar que "cando un estuda os datos, ve que non é así", o voceiro matizou que coas estatísticas sempre se pode xogar e, por exemplo, "en lugar de dicir que Santiago é a segunda cidade de Galicia máis endebedada, que é a quinta con menos débeda".

O concelleiro explicou que non todo o endebedamento é o que se debe aos bancos e, así, informou de que unha cuarta parte -8,3 millóns- son subvencións doutras administracións ou fondos do Estado que mentres que non chegan se contabilizan como débeda -e unicamente son apuntes contables-. Do que resta, 29,3 millóns, case un tercio é débeda aquirida por CA, polo que se sumamos esa cantidade á que foi adquirida polo PP -sobre todo eses polémicos e innecesarios 12 millóns-, o 57% da débeda de Santiago é de CA e o PP. "Non herdou Compostela Aberta unha gran contía de gobernos socialistas, malia o que din", destacou Paco Reyes, que engadiu que "aínda así, a que existe non é grave".

"O que si que nos parece grave son outros datos que coñecemos", dixo o concelleiro, en referencia aos publicado este mes de xullo polo SIL. A este respecto, destacou que segundo os mesmos, Santiago é a segunda cidade de Galicia con menos gasto público por habitante -en protección e promoción social, con 60,4 euros/habitante, fronte aos 107,82 de Lugo- e a primeira en presión fiscal -652,47 euros/habitante, mentres que en Ferrol son 374,77-.

Tamén subliñou que Compostela é a que máis recada por sancións de tráfico e. sobre este punto, preguntou ao goberno se non se están a levar campañas de prevención e información porque o que lle interesa é recadar. Paco Reyes, que dixo que mentres que a recadación en multas por habitante é de 35,35 euros, en cidades como Ferrol é de 10,31, sinalou que coa liquidación na man de 2017 constátase que mesmo os ingresos foron superiores ás previsións -por segundo ano consecutivo-, xa que o que se contaba eran 2.250.000 euros, e o finalmente ingresado foron 2.367.000 euros.

REGRA DE GASTO

Por outra banda, o voceiro socialista anunciou que o seu grupo vai pedir o informe sobre a regra de gasto, que aínda non está a disposición da corporación. Como dixo, dito informe ten unha especial importancia, xa que do seu cumprimento -que Reyes deu por seguro non pola boa xestión senón porque non existe gasto- dependerá a contratación de persoal pública, e que pode ir do 108% ao 75%.

"Se cumprimos e podemos ter unha taxa de reposición do 108%, a que espera o grupo de goberno para facer a oferta pública de emprego?", apuntou o edil, que dun xeito concreto se referiu á Policía Local, que podería chegar ao 115% e que, como lembrou, ten importantes problemas de plantilla.

Comentarios
Lo más