Remata o primeiro mes do programa municipal de conciliación “Escola de Verán”

Remata o primeiro mes do programa municipal de conciliación “Escola de Verán”

Deste xeito, na primeira quincena de xullo participaron 128 nenos/as en Bertamiráns e 155 no Milladoiro, mentres que na segunda metade do mes foron 126 en Bertamiráns e 142 no Milladoiro

A primeira quincena do mes de xullo foi a máis solicitada polas familias que inscribiron aos seus fillos e fillas na Escola de Verán, que este ano ten como lema Alerta Ames. Así, as actividades divídense en catro bloques que corresponden as catro quincenas: Canto lixo!! (terra), Apaguemos os lumes!! (lume), Nin unha pinga máis!! (auga) e Non se pode nin respirar!! (aire); a través dos cales se fai un percorrido polos principais elementos do planeta e o impacto que neles ten a contaminación.

Durante a primeira metade de xullo, as nenas e nenos que participaron na Escola de Verán crearon un grupo ecoloxista baseado nuns principios, slogan e logotipo propios; así como varios agasallos e caixas de correo elaboradas con material reciclado, e o coidado dunha pequena horta urbana. Nesa primeira quincena tamén comezaron a elaborar un documental onde se plasman os principais problemas medioambientais que sofre o seu contorno e posibles solucións para atallalos, no que tamén aparecerán entrevistas con persoas do concello, experimentos e unha relación das actividades realizadas.

Os últimos quince días do mes adicáronos ao lume, e ao problema medioambiental no que pode converterse o seu uso descontrolado, polo que se fíxo especial fincapé na concienciación do perigo que supón a polución e os incendios. Así, os cativos e cativas enfrontáronse en varias situacións co lume mediante pequenas obras de teatro, realizaron unha xincana de olores e unha saída a unha zona afectada polos incendios.

A Escola de Verán en agosto

Esta primeira quincena de agosto está adicada aos problemas que supoñen a contaminación e os plásticos na auga, así como o seu consumo descontrolado. Deste xeito, os nenos e nenas farán unha visita a unha depuradora, realizarán experimentos coa auga, verán o que supón o derrame de petróleo nos mares e construirán un acuario de cartón.

Na segunda metade de agosto, o tema será o aire e a importancia das enerxías renovables. Así, os cativos e cativas farán varias actividades sobre este tema, como unha xincana de enerxía ou a elaboración de fitas de vento. 

Para rematar o verán, realizarase una festa final, na que se proxectará o documental realizado polo alumnado. Ademáis, estas actividades e dinámicas complétanse con xogos de distensión, speak and play, xogos na natureza, xogos cooperativos, diverciencia e moitas alternativas para gozar un verán diferente.

Comentarios
Lo más