O BNG volve incidir na demanda dunha maior promoción do Panteón Real da Catedral de Santiago

O BNG volve incidir na demanda dunha maior promoción do Panteón Real da Catedral de Santiago

“Non é normal, que un elemento tan relevante en termos históricos, patrimoniais e políticos sexa tan descoñecido tanto para quen nos visita, como para a propia veciñanza e o conxunto dos galegos e galegas”

O Museo da Catedral de Santiago de Compostela é un dos museos máis visitados de Galiza. Este museo acubilla no seu interior o Panteón Real no que se sitúan os sartegos de reis e persoeiros do Reino de Galiza que foron trasladados en 1535 desde a súa anterior localización na capela de Santa Catarina, a carón da Porta da Acibechería. En concreto, atópanse soterrados os restos de Fernando II e Alfonso VIII, que ostentaron o título de “Reis de Galiza e León” e que reinaron entre 1157 e 1230, asi como Raimundo de Borgoña, Berenguela de Barcelona, Xoana de Castro e Pedro Froilaz.

As portas do Panteón Real abríronse ao público en 2003, logo de sete décadas pechado ao conxunto da veciñanza e visitantes, grazas a unha campaña social emprendida pola Agrupación Cultural “O Galo” (apoiada polo BNG) e que remataría en 2007 coa distribución de publicacións para fomentar o seu coñecemento, ademais de reclamar que se incluíse no roteiro de visitas e se velase polo seu estado de conservación.

Nese sentido, a portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, quere recordarlle ao goberno de CA o seguinte: "vai facer un ano en setembro o grupo municipal do BNG presentou unha moción para mellorar o coñecemento e difusión do Panteón Real da Catedral de Santiago, así como para corrixir erros historiográficos e a ausencia da lingua galega nos paneis explicativos. Esta moción aprobouse por unanimidade. A día de hoxe o grupo de goberno non fixo nada ao respecto. Nestes días en que vemos as colas de xente que hai para ver o pórtico da Gloria un dato que nos demostra o interese que hai por coñecer o patrimonio, faise máis evidente que a veciñanza e as persoas que visitan a cidade non coñecen o Panteón por non existir unha boa difusión da riqueza patrimonial e histórica que este atesoura . Por iso volvemos instar ao goberno municipal para que proceda a dar as instrucións pertinentes para que se consiga unha maior difusión dun elemento central para o coñecemento da nosa historia e do relevante papel de Galiza na Idade Media"

Entre estas medidas sinalan as seguintes como prioritarias: 

- O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Turismo e/ou da empresa municipal INCOLSA elaborará un díptico explicativo do significado histórico do Panteón Real

- O Concello de Santiago, en colaboración co Museo da Catedral, organizará visitas guiadas para o conxunto da veciñanza ao Panteón Real, explicativas da súa importancia histórica.

- O Concello de Santiago instará ao Consorcio de Santiago á realización dunha publicación científico-divulgativa sobre o Panteón Real.

- O Concello de Santiago instará aos responsábeis da Catedral de Santiago a:

Garantir o uso do galego na sinaléctica no Panteón Real e no conxunto do templo.

Repor os nomes de “Panteón Real” e “Reis da Galiza” ou "Reis de Galiza e León"en vez de “Reyes de León”

Comentarios
Lo más