A oitava edición do Millarock xuntará a bandas consagradas e grupos revelación do panorama musical galego

A oitava edición do Millarock xuntará a bandas consagradas e grupos revelación do panorama musical galego
A oitava edición do Millarock xuntará a bandas consagradas e grupos revelación do panorama musical galego

Os concertos comezarán ás 21.00 horas, co obxectivo de que as familias con nenas e nenos pequenos tamén teñan a posibilidade de achegarse ao concerto

O Millarock, que naceu co obxectivo de promocionar e dar cabida a grupos emerxentes locais e da contorna de Ames, conta este ano cun cartel de luxo formado por Ruxe Ruxe, The teta´s van, Astarot e Supernatural. O pistoletazo de saída correrá a cargo do grupo ourensá The Teta´s Van ás 21.00 horas no aparcadoiro da Travesía do Porto.

Este grupo, que está formado na súa maioría por mulleres (Irene, Lucía, Lorena, Paula e María), aínda que tamén conta con dous músicos homes (Omar e Pablo), caracterízase por tocar unha música marcada pola reivindicación en prol da loita contra as inxustizas que as mulleres viven en primeira persoa, polo que a pesar de estar especializadas en versións, tamén colaboran con numerosas poetisas ás que dan voz mediante a súa música.

En segundo lugar actuará o grupo da amesá Thais Rudiño, finalista do programa ‘La Voz’, e os vigueses Suso Valcárcel na batería, Daniel Lemos co baixo e Fran Almodóvar na guitarra. Neste 2018 Supernatural está inmersos na promoción do disco, titulado Nada que finxir en castelán, e Nothing to pretend na versión inglesa. Nel mostran gran variedade de ritmos e fusión de estilos.

Mestura de novos grupos con bandas consolidadas

De seguido, será a quenda do grupo Astarot, fundado en 1983 en Cangas do Morrazo, e composto por Juan A. Antepazo (voz), Carlos Gandón (guitarras), Carlos Rodal (baixo), Loren Tevra (guitarra) e José M. Pedra (batería). Este ano cumprirán 35 anos de traxectoria inmersos nunha xira de concertos de presentación do seu último traballo, Una vida en un segundo, do que se poderá gozar nesta edición do Millarock.

Os últimos en subir ao escenario serán os do grupo Ruxe Ruxe, constituído por Carlos Freire (baixo), Vituco Neira (guitarra e voz), Miguel Duarte (guitarra eléctrica, acústica e coros), Iago Jorge (batería), Xaco Barona (gaita) e Juan Ramón Rico (saxo). O grupo, que está a celebrar o seu 20 aniversario co lanzamento do seu novo traballo 20 Segundos, ten 11 LP´s no mercado, tres deles editados nos últimos tres anos e un feixe de cancións en recompilatorios e bandas sonoras, o que os converte en todo un referente da creación musical galega e en galego.

Comentarios
Lo más