O Concello de Ames mantense alerta ante o elevado risco de incendios asociado a vaga de calor

O Concello de Ames mantense alerta ante o elevado risco de incendios asociado a vaga de calor
O Concello de Ames mantense alerta ante o elevado risco de incendios asociado a vaga de calor

As altas temperaturas chegaron onte ao sur de Galicia e durante a fin de semana instalaranse en toda a comunidade, con valores máximos que rondarán os 40 graos a partir de hoxe

A brigada de Protección Civil que colabora no servizo contra incendios forestais está composta por sete persoas e organízase en quendas de tres efectivos como mínimo por cada unha delas. Todos contan con cursos de formación en materia antiincedios e algún deles xa traballou en diferentes brigadas na loita contra o lume. A brigada de Protección Civil, integrada no protocolo de actuación do Concello, traballa en coordinación co Distrito Forestal 3 de Ordes. O seu ámbito de actuación, salvo en caso de extrema necesidade, limítase ao concello de Ames. Ademais, se a situación o requirise, o resto de voluntarios/as de Protección Civil colaborarían nos incendios, en tarefas como posibles evacuacións, cortes de estradas ou transporte de material.

Control nas zonas de baño

O Concello de Ames estará moi pendente tamén das zonas de baño do municipio, ante as elevadas temperaturas que se agardan para toda a fin de semana. Así, haberá un control exhaustivo, en coordinación co servizo de socorrismo, nas piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e, sobre todo, na praia fluvial de Tapia. Neste sentido, haberá que estar moi vixiantes ante a exposición ao sol, posibles golpes de calor e á seguridade nas zonas de baño.

Consellos básicos ante as elevadas temperaturas

O Concello de Ames anima a toda a veciñanza a adoptar unha serie de medidas básicas para facer fronte a eses valores próximos aos 40 graos que se prevén para os próximos días. Neste sentido, os nenos/as, maiores e enfermos crónicos necesitarán un extra de hidratación, se ben todos e todas debemos beber aínda sen sede para reducir os efectos do calor.

É recomendable, ademais, evitar as bebidas con cafeína, aproveitar as sombras ao saír á rúa, utilizar roupa lixeira, gafas de sol, sombreiro e non escatimar en cremas de protección solar. Ademais, deberemos reducir a actividade física, evitar as comidas copiosas e comprobar que os alimentos que tomemos cumpran as medidas de conservación necesarias. Por último, é conveniente pechar as ventás e baixar as persianas da casa durante o día e aproveitar para ventilar á noite, cando baixen as temperaturas.

Comentarios